Análise

Arqueoloxía con empatía

Manuel Vilar Álvarez é director do Museo do Pobo Galego.
Vila soterrada de Brandomil, Zas, Terra de Soneira. (Foto: Fundación Brandomil).
photo_camera Vila soterrada de Brandomil, Zas, Terra de Soneira. (Foto: Fundación Brandomil).

A arqueoloxía vale para entendermos o pasado. Esta é unha definición simple, máis que simple, deste saber social. Mais non sempre foi ou é así. E non foi ou é así porque desde a arqueoloxía non sempre se procurou transmitir o coñecemento máis alá do mundo académico, facelo alcanzable e entendible para a sociedade. Moitos dos traballos non van máis alá da identificación dos artefactos, que hai que identificar, mais sen crear unha narrativa asumible socialmente sobre o pasado. 

Hai tempo preguntáralle a un profesor de arqueoloxía se cando Manuel Chamoso Lamas escavara en Moraime fora ver as escavacións. Contestoume que si, que fora un día por alí e que estaban uns obreiros cavando e o que "encontraban" íano colocando sobre a parede do adro; que o director da escavación ía de cando en vez e dáballe unhas orientacións por onde seguir cavando. A escavación era entendida como unha obra máis onde a xente podía mirar desde fóra e facer comentarios á distancia do que vían que os obreiros facían. Eran espectadores pasivos mirando como unha xente busca algo nunha leira, non sabendo ben o que, nin para que.

O paradigma participativo

O resultado desta arqueoloxía en Moraime, como noutras intervencións, foi que o xacemento quedou abandonado, ao quedar abandonado foi arrasado e, hoxe, só son visibles algúns restos totalmente descontextualizados. O xacemento non existe e a información que temos sobre el é moi escasa. Non se procurou involucrar a sociedade e, así, esta non se puido preocupar aquí por esta presenza do seu pasado. Era unha arqueoloxía vertical, de expertos.

As comunidades non son pasivas, senón que queren e teñen que ser activas na defensa do seu patrimonio

Desde hai un tempo isto está cambiando, en parte por unha reinvención da actividade polos arqueólogos e arqueólogas; en parte por unha maior demanda de divulgación, de transferencia, de coñecemento. Nestes tempos, amais da academia, a arqueoloxía ten un espazo na comunidade e onde se poden atopar diversos graos de participación social nas distintas fases dun proxecto determinado. Á parte dos traballos estritamente académicos, que teñen e deben existir, aparece un interese por achegar á sociedade os resultados das prospeccións arqueolóxicas. Incluso moitas destas intervencións son potenciadas polas propias comunidades, e hai varios e interesantes exemplos en Galiza, desde A Pobra do Brollón a Oia ou Malpica de Bergantiños e Brandomil, por citar só catro casos.

Falamos entón de arqueoloxía pública, social ou comunitaria, unha arqueoloxía que vai máis alá da identificación dos artefactos, que procura elaborar unha narrativa sobre o pasado para achegar como vivían, o que facían os que nos precederon no tempo, e facelo entendible á xente. A arqueoloxía comunitaria precisa dun proceso de negociación entre as comunidades e o mundo científico. Busca unha utilidade social. O coñecemento cunha finalidade social: socializar o patrimonio. 

O outro aspecto é levar a comunidade a xestionar o seu patrimonio arqueolóxico, pasar dun rol pasivo a seren os protagonistas dun legado cultural que hai nesa localidade. Isto leva a aumentar o interese por coñecer o pasado e, tamén, a reforzar os lazos de identidade na comunidade ao achegar novos significados. As comunidades non son pasivas, senón que queren e teñen que ser activas na defensa do seu patrimonio, como participativas na xeración de coñecemento. Así, o patrimonial faise denso co inmediato das vidas da comunidade que o coidan.

Coñecer o patrimonio

Outra das consecuencias é que a comunidade procura preservar ese legado ao facelo seu, ao non entendelo como algo xa raro ou estraño á súa realidade. Achegar o coñecemento científico á comunidade, algo que redundará na protección e preservación do patrimonio, así como na construción dun relato sobre a historia local ao ser entendida como un paso máis nun proceso social.

A orixe desta miña colaboración está na presentación do libro Brandomil, vila soterrada de Lino Gorgoso e Abel Vigo, realizada no Museo do Pobo Galego o 4 de abril pola Fundación Brandomil e á que acudiron máis de 120 persoas. Brandomil era un lugar que desde o século XVIII se vén dicindo que fora un importante asentamento romano e as probas estaban nas varias inscricións atopadas ou noutros restos, como os capiteis que viamos ás portas dalgunha casa e no que se senta a xente maior a parolar. Pondal elevouno a poesía heroica. Agora hai un maior coñecemento e divúlgase o atopado, fomentando o interese por saber desde a propia veciñanza. O patrimonio aparece como un recurso sostible e os arqueólogos empezan a glosar as glosas, por traer aquí un verso de Seamus Heaney, mais a xente local tamén.

Comentarios