As Tanxugueiras, o trío formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e máis Aida Tarrío, debutan esta cuarta feira no Festival de Benidorm, que elixirá a próxima ou próximo representante do Estado español no certame de Eurovisión, que este ano decorrerá na cidade italiana de Torino o vindeiro 14 de maio.
Segundo unha enquisa publicada na horas antes de que principiase o certame por Electomanía, Tanxugueiras serían as favoritas de 42,2% das persoas enquisadas en todo o Estado, con máis de dez puntos de vantaxe sobre a seguinte artista, Rigoberta Bandini (29,5%).
Onde podo ver o festival?
A canle estatal TVE-1 (La1) e as plataformas dixitais de RTVE retransmitirán o evento íntegro, que principiará ás 22.40 horas e rematará contra as 23.55. No caso de que as galegas superasen esta primeira pena no seu camiño, competirían na final deste sábado, tamén a través de La1, mais desta volta en horario de 22 horas a 00 horas.
Como será a competición?
Tanxugueiras debuta no festival esta cuarta feira, a partir das 22.40 horas, na primeira semifinal da competición. Fronte ás galegas estarán Varry Brava, Azúcar Moreno, Blanca Paloma, Unique e Chanel. Non estará Luna Ki, que rexeitou participar após prohibir a organización do evento o uso do autotune nas actuacións. As pandeireteiras, segundo confirmaron fontes da organización, actuarán na quinta quenda.
No caso de superaren esta primeira proba —clasifican catro das seis artistas—, o trío conformado polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío enfrontariase na final do sábado (22 horas) ás outras tres vencedoras e vencedores do seu grupo e os catro gañadores da semifinal na que compiten Xeinn, Marta Sango, Javiera Mena, Gonzalo Hermida, Rigoberta Bandini, Rayden e Sara Deop. Oito artistas, polo tanto, loitarán na final por un billete a Eurovisión 2022.
Como podo votar?
O resultado das votacións que marcarán a clasificación en cada rolda, a través dun sistema mixto que combina xurado profesional, televoto e xurado demoscópico.
- 50%: A metade da nota corresponde ao xurado profesional, composto por cinco persoas expertas, tres do Estado español e dúas procedentes doutros territorios do mundo.
- 25%: Unha cuarta parte fica en mans do público a través do tradicional 'televoto' por chamadas telefónicas ao SMS —cuxos números facilitará por pantalla a organización chegado o momento—.
- 25%: A última parte da cualificación resérvase para o xurado demoscópico, isto é, unha mostra composta por 350 persoas en representación da poboación do Estado, "seleccionadas mediante regras estatísticas e demoscópicas", segundo informan desde o festival.
'Terra', a atrevida proposta das Tanxugueiras
O trío de Aida Tarrío e as irmás Maneiro competirá no certame coa canción 'Terra', que no mesmo día en que se publicou superou o medio millón de reproducións. 'Terra' é un "canto á tradición", como as propias Tanxugueiras definían o tema nunha recente entrevista a Nós Diario: "Tiñamos moi claro que queriamos transmitir con 'Terra', que é terra, nunca mellor dito; a cultura, e o agradecemento ás nosas nais e avoas por conservaren esta cultura e estas cancións tan bonitas e tan nosas. E, á mesma vez, queriamos darlle ese toque hipnótico e a forza
das Tanxugueiras".