O Revenidas anuncia a programación por días: consulta aquí o cartel completo

O festival decorrerá en en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro.
Concerto de Me Fritos and the Gimme Cheetos no na edición do ano pasado do Revenidas. (Foto: Festival Revenidas)
photo_camera Concerto de Me Fritos and the Gimme Cheetos no na edición do ano pasado do Revenidas. (Foto: Festival Revenidas)

O Revenidas 2024 fecha o seu cartel con novas e destacadas incorporacións. Entre elas salientan figuras internacionais como Miss Bolivia, que chega a Vilaxoán de Arousa para presentar en directo o seu novo disco, Bestia, publicado o pasado mes de marzo. Tamén é significativa a incorporación de Muchachito Bombo Infierno, unha figura esencial na escena do Estado español da música de mestizaxe neste século; o dúo de Mataró The Tyets, que coa súa proposta de 'trapetón' tornou no primeiro grupo que canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify.

Tamén desde Catalunya, nesta caso desde Cornellá de Llobregat, chegan os Muyayo Rif, oito músicos capaces de fusionar nun estilo propio punk, ska, reggae, latin e rock. De València vén Xavi Sarriá, o que fora líder dos míticos Obrint Pas, para ofrecer o que será o derradeiro concerto na Galiza antes da súa retirada. E de Chiclana (Cádiz) proceden Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska.

A xa notábel presenza galega nos avances do cartel do Revenidas refórzase agora co anuncio do concerto especial 'Rebeliom do Inframundo é un movemento', no que a banda estará acompañada dun nutrido grupo de artistas convidados. Tamén estarán presentes en Vilaxoán Dakidarría, García MC & Nación Quilombo, Mekanika Rolling Band, Uxía Lambona e A Banda Molona, La Yaya Dj e mais A Duendeneta.

De Ninghures e Catuxa Salom súmanse ao cartel de Revenidas 2024 cos Concertos Vibra Mahou. As dúas formacións foron seleccionadas a través do acordo de colaboración estabelecido entre a compañía cerveceira e a Fundación Paideia Galiza, co obxectivo de apoiar o talento e impulsar proxectos musicais incluídos dentro dos programas de aceleración promovidos pola fundación.

Nas vindeiras semanas o Revenidas anunciará as actividades complementarias que se realizan coa colaboración de Turismo Rías Baixas, como son os concertos a bordo, a gala de circo e os roteiros por Vilaxoán. Tamén nas vindeiras semanas, varias salas de concertos da ría de Arousa acollerán distintas  festas de presentación do festival Revenidas 2024.

Abonos, entradas e acampada

Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 están á venda na páxina web www.revenidas.com, a un prezo de 63 euros máis gastos de xestión, e desde desta mesma quinta feira están tamén á venda as entradas por día. As primeiras 500 venderanse a un prezo de 33 euros —máis gastos de xestión— as do xoves e 38 euros —ídem— tanto as da sexta feira como as do sábado.

As persoas que merquen o abono poderán reservar na web o acceso á acampada do Rial —a piques de esgotarse— por un importe de 10 euros. Ante a boa venta e a gran demanda de acampada, Revenidas creará de novo outra zona de acampada na Pelada, e desde xa os compradores e compradoras de entradas de día e dos abonos poderán reservar o seu espazo na mesma.

A xornada do domingo, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular, símbolo do festival, será con entrada gratuíta. O Revenidas, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta da Galiza, tamén ofrece 200 abonos con 15% de desconto aos mozos e mozas titulares do Carné Xove.

Comentarios