A Casa de Rosalía conmemora o pasamento da autora co festival Abride a Fiestra: consulta aquí o programa completo

O programa comezará ás 11 horas e rematará pola noite con numerosas actividades para todos os públicos.
Valentín García, Anxo Arca, Natividade González e Anxo Angueira, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín García, Anxo Arca, Natividade González e Anxo Angueira, esta terza feira. (Foto: Casa de Rosalía)

Este domingo, 14 de xullo, celebrarase a sexta edición do festival Abride a Fiestra, organizado pola Fundación Rosalía de Castro para conmemorar o pasamento da autora na Casa-Museo de Rosalía en Padrón. Valentín García, secretario xeral de Lingua; Anxo Arca, alcalde de Padrón; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, presentaron esta terza feira o evento en Padrón.

O programa comezará ás 11 horas cunha visita guiada polo reformado Xardín de Rosalía da man de Miguel Lois. A seguir, contra as 11.45h, Pilar García Negro e Carme F. Pérez Sanjulián conversarán sobre a súa obra conxunta Intenso e solidario feminismo, e ás 12h haberá, de forma paralela, un concerto de Pakolas para crianzas e unha visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón.

Media hora despois, o poeta Juan Carlos Mestre e Anxo Angueira conversan arredor de 200 gramos de patacas tristes, e ás 13h haberá unha nova visita pola Casa, desta volta da man de Rita Bugallo. E ás 14h, antes do xantar que virá inmediatamente despois, haberá unha cata de viños con Paco&Lola coa enóloga Nuria de la Torre.

Na quenda de tarde, ás 17h, impartirase un obradoiro de creación libre titulado 'Argallando na Horta de Rosalía', e ao mesmo tempo Xosé Luís Axeitos e Uxío-Breogán Diéguez presentarán o número 8 da revista Follas Novas. Pasada media hora, nova visita á Casa con Carme F. Pérez Sanjulián, e ás 18.30h será a última quenda con Pilar García Negro.

A maiores, ás 18h haberá un cocnerto poético-musical de Noelia Gómez e Rui Grenha que leva por nome 'Xirando', e ás 18.30h o contacontos 'Os nosos bosques' con Diego García.

Xa para rematar, ás 19h, producirase un diálogo entre a xornalista Ana G. Liste e Diego Ameixeiras, que presenta o libro O anarquista. Ás 20h, contacontos con Celso F. Sanmartín, e ás 21h, para pór o ramo á xornada, un concerto de Xurxo Fernandes.

Comentarios