A Cidade da Cultura renovará a dirección de acción cultural

Nos próximos días aprobaranse as bases do concurso público para a elección da nova dirección "seguindo os principios de transparencia, mérito e capacidade".

Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)

A Fundación Cidade da Cultura de Galiza vén de anunciar un concurso público para renovar a súa Dirección de Acción Cultural, convocatoria coa que busca abrir unha etapa nova na súa programación. A institución procura "afondar na dixitalización e internacionalización da cultura, no apoio á comunidade de creadores e na descentralización do Gaiás", obxectivos recollidos no II Plan Estratéxico. 

Nos próximos días aprobaranse as bases do concurso público para a elección da nova dirección "seguindo os principios de transparencia, mérito e capacidade".

Os balances publicados pola Xunta da Galiza nos últimos anos desvelan que só unha pequena parte das visitas á Cidade da Cultura están motivadas pola actividade cultural xerada no complexo. As cifras facilitadas permiten inferir que a porcentaxe de persoas que acoden a algunha das actividades culturais do programa non chegan ao 20% do total. 

Porén, o balance inclúe as persoas que asistiron a "actividades organizadas polo Gaiás, aínda que se desenvolveran en centros ou espazos diferentes aos da Cidade da Cultura", é dicir, as que visitaron as exposicións exhibidas noutras cidades da Galiza, polo que a porcentaxe de persoas que visitan o Gaiás por motivos culturais sería aínda menor.

En decembro de 2021, a Xunta deu a coñecer o Plan estratéxico da Cidade da Cultura para o período 2021-2027, no que se advertía o desexo de afastar o Gaiás da polémica permanente na que se vía envolto -o Consello de Contas chegou a emitir un informe no que se afirmaba que a Administración galega "abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos"- e pola súa incapacidade para definir un proxecto concreto que dotase de personalidade o complexo. 

O documento recoñecía que “o Gaiás non é un centro cunha actividade única cultural, senón que abrangue outras funcionalidades que fan que o seu recoñecemento como centro cultural sexa ás veces confuso”, e que “as novas relacionadas con usos alternativos e todo o que ten que ver con traballadores da Administración no complexo lastran a súa imaxe”. 

Máis en CULTURA
Comentarios