A Coruña acolle o recital da AELG celebrando Luísa Villalta

“A ausencia que sustenta a vida”.
Luísa Villalta en decembro de 2001. (Foto: Andrés Panaro).
photo_camera Luísa Villalta en decembro de 2001. (Foto: Andrés Panaro).

Esta cuarta feira ás 19.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento.

O acto estará conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, e contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán. Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor da escritora homenaxeada Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro

Luísa Villalta é, segundo destaca a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abrangue todos os xéneros desde unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, “Luísa foi coñecida polo seu activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado a levou a colaborar con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole”, destacan na AELG, onde Villalta participou do seu Consello Directivo varios anos. Formada na USC, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa,

Villalta dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música. Foi titulada superior de Violín e participou en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra da Galiza.

Comentarios