A cultura da Galiza realiza 52,7% da súa produción en lingua galega

Só o 17,8% das entidades emprega o galego ao 100%
Edición de 2023 do Culturgal.
photo_camera Edición de 2023 do Culturgal.

O Observatorio da Cultura Galega (OCG) vén de facer público o informe o A produción en lingua galega no ámbito cultural, no que se constatan grandes diferenzas no uso da lingua propia do país por parte dos diferentes ámbitos do sector cultural. O informe aborda dúas cuestións: analiza a porcentaxe aproximada da actividade ou volume de negocio das entidades que se debe á produción de bens ou servizos en galego; e, ademais, afonda nas percepcións sobre que acontecementos ou medidas serían necesarios para incrementar a demanda de bens ou servizos culturais en galego.

O 7 % das entidades enquisadas non emprega nunca o galego, menos que as que realizan todo no noso idioma, que chegan ao 17,8 %. A produción media en galego sitúase no 52,7 %, un punto menos que en 2020, mais, segundo din, "o período non resulta suficiente para constatar unha evolución" e hai que agardar para detectar tendencias.

Os departamentos de cultura das administracións públicas (87,5 %), museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural (77,2 %), música e educación cultural (academias, escolas de música, artes visuais, baile, teatro…) están á cabeza dos ámbitos máis galeguizados. Resulta destacábel tamén o feito de que as bibliotecas e arquivos teñen tamén unha das porcentaxes máis elevadas, próxima ao 65 %.

Igualmente, obsérvase unha maior presenza de galego nos núcleos máis pequenos (63%) que descende notabelmente nas cidades (49,1%). Un dato significativo é que as entidades cunha facturación baixa  son as que máis empregan o galego (un 60%) fronte as de facturación máis alta, nas que a lingua é usada nun 47%.

As medidas máis demandadas son promover o consumo de cultura desde a infancia (51,6 %), aumentar a presenza da lingua e a cultura en medios de comunicación, redes sociais e plataformas (42,2 %) e aumentar as axudas para fomentar a valorización do idioma (27,1 %). O bono cultural para reducir o custo do acceso á cultura en galego só ten un 15,8 % de apoio.

Mais os datos varían en función de quen conteste: as entidades que empregan acotío o galego na súa produción consideran que para impulsar o idioma deben realizarse accións en todos os eidos (57,8 %), incrementar o apoio das institucións con máis axudas económicas para o sector (56,5 %) e impulsar a presenza de figuras de referencia que prestixien o uso do galego (55,7 %). As que  empregan menos a lingua coidan que se debe ampliar e mellorar a oferta cultural en galego (49,4 %) e implantar un bono cultural (44,2 %).  

 

Comentarios