Darío Gil abre o simposio das Letras Galegas sobre Xela Arias

A Real Academia Galega (RAG) realizará o simposío das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias entre o 11 e o 25 de novembro.
'Tigres coma cabalos' é o libro que escribe a Xela Arias reencarnada nun Lou Reed feminino. Foto: Xulio Gil
photo_camera 'Tigres coma cabalos' é o libro que escribe a Xela Arias reencarnada nun Lou Reed feminino. Foto: Xulio Gil

Darío Gil, fillo de Xela Arias, abrirá o 11 de novembro o simposio que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica no mes de novembro á protagonista do Día das Letras Galegas 2021.

O primeiro día centrarase na vida e no compromiso social e cultural da homenaxeada. Participarán, ademais, a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val, amigas persoais da autora, e Yolanda Castaño como moderadora. 

A xornada rematará cunhas palabras do académico Darío Xohán Cabana dedicadas á poeta e un recital poético ao que se sumarán Emma Pedreira e Dores Tembrás xunto a Darío Gil Arias, Yolanda Castaño e Marga do Val. 

Afondar na vida e obra

O simposio, coordinado pola académica Marilar Aleixandre, continuará o 18 de novembro seguindo como eixe a voz poética de Xela Arias.

A escritora e tradutora Mercedes Leobalde conducirá unha mesa que contará coas achegas de María Xesús Nogueira, profesora da USC, da poeta e académica Chus Pato e da escritora Alba Cid. 

A tradución, a edición e o diálogo con outras artes guiarán o 25 de novembro a última xornada. Manuel Bragado, ex director de Xerais, o selo onde Xela Arias traballou como editora, trazará un retrato dela como pioneira da edición e da tradución; Ana Luna ofrecerá unha nova ollada á actividade da homenaxeada vertendo ao galego, en solitario ou de forma cooperativa, obras universais como Dublineses de James Joyce; e a xornalista Belén López Rodríguez achegarase ao seu interese por conectar a poesía con outras artes.

O encontro concluirá coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada producida pola RAG, a cargo da súa guionista, María Yáñez.

Comentarios