Estréase unha peza inspirada na revolta das traballadoras da Fábrica de Tabacos

O Festival Resis presenta hoxe Coruña a obra de Xoán Xil e Alba Cid
Luigi Nono.
photo_camera Luigi Nono.

O VII Festival RESIS de música contemporánea propón este sábado 11 de maio o concerto La Fabbrica Illuminata na antiga Fábrica de Tabacos da Coruña a partir das 20 horas, unha cita inclúe a estrea da peza Sereas, inspirada na rebelión das traballadoras da fábrica en 1857. Desde o Festival recalcan o éxito desta edición, que xa agotou as entradas para este concerto.

O concerto comezará coa peza La Fabbrica Illuminata, do compositor italiano Luigi Nono, a quen o RESIS dedica esta edición no centenario do seu nacemento. A segunda peza do concerto será a estrea absoluta de Sereas (Oda Ludita) ideada por Xoán Xil e a escritora Alba Cid. A peza é un encargo do Festival RESIS a estes dous artistas, composta grazas ás Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).

A peza está inspirada no levantamento ludita, que se opoñía á industrialización e destruía ás máquinas, acontecido na Fábrica de Tabacos en 1857, cando as traballadoras se rebelaron tirando as máquinas ao mar. Sereas foi escrita para soprano, voz falada, acordeón, cello, percusión e electrónica.

A peza baséase nos textos escritos por Alba Cid, dialogando cun dispositivo formado por seis sereas mecánicas, que son voces artificiais que recordan ás sonoridades da serea da propia fábrica. A idea é recrear esta paisaxe sonora da cidade da Coruña que permanece aínda na memoria de moitas persoas.

O equipo artístico do concerto inclúe a Eva Vieites (narradora), Adriana Aranda (soprano), Nikola Tanaskovic (acordeón), Noè Rodrigo (percusión) e Millán Abeledo (violonchelo).

O Festival RESIS continuará coa súa programación de concertos e actividades ata o vindeiro mes de xuño.

Comentarios