Fermín Muguruza actuará en Compostela o 15 de marzo na xira internacional polos seus 40 anos de carreira

O Multiusos Fontes do Sar será a única parada na Galiza do tour do músico irundarra.
Concerto de Fermín Muguruza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concerto de Fermín Muguruza. (Foto: Europa Press)

Fermín Muguruza fará parada en Santiago de Compostela o 15 de marzo no marco da xira internacional coa que o artista vasco celebra os seus 40 anos de carreira desde o lanzamento da primeira maqueta de Kortatu.

O Multiusos Fontes do Sar será a única parada na Galiza do tour do músico irundarra, que iniciará en novembro con dous concertos en Bilbao para os que xa non quedan entradas e coa que pretende demostrar en Anoeta (Donostia) o 14 de xuño que tamén a música en eúscaro pode encher estadios.

Para a única cita no país poranse á venda as entradas esta terza feira 25 de xuño a partir das 9 horas na web www.muguruzafm.eus, segundo informou esta quinta feira a organización da xira mundial do fundador de proxectos como Kortatu ou Negu Gorriak.

Precisamente esta quinta feira fai 40 anos o lanzamento da primeira maqueta de Kortatu, a banda coa que, xunto ao seu irmán Íñigo, iniciou unha carreira que o levou a ser unha das figuras máis transgresoras e influentes da escena musical alternativa do Estado.

A carreira de Muguruza vai máis aló das dúas lendarias bandas que liderou até finais dos 1990. Desde entón, percorreu distintos proxectos e xéneros desde o dub, a música brass de New Orleans ou a influencia dos sons árabes; sempre desde unha perspectiva reivindicativa e social.

Comentarios