O Festigal elixe Filloas como banda gañadora do concurso Novos Valores 2024

O proxecto compostelá de pop urbano composto por Iago Galego e Paula Ferraz actuará o 24 de xullo de 2024 no escenario principal deste grande evento da cultura galega.
Imaxe promocional de 'Game Over', de Filloas (Foto: David O Silva / Alende).
photo_camera Imaxe promocional de 'Game Over', de Filloas (Foto: David O Silva / Alende).

O Festigal vén de elixir Filloas como banda gañadora da VIII edición do concurso Novos Valores. O proxecto compostelá de pop urbano composto por Iago Galego e Paula Ferraz actuará o 24 de xullo de 2024 no escenario principal deste grande evento da cultura galega.

O xurado do Festigal valorou moi positivamente o estilo "fresco e alegre" da proposta de Filloas e unhas letras que recollen problemáticas que atinxen á mocidade, como son a precariedade laboral ou a saúde mental. Aliás, destacou o papel do seu pop electrónico, un xénero musical de moda, como axente normalizador da lingua galega entre as novas xeracións.

O pop urbano en galego de Filloas é un "reflexo das súas propias experiencias e os seus sentimentos máis profundos" mais que busca "sacar un sorriso e transmitir unha mensaxe positiva", en palabras da propia banda.

Así, entre ritmos punk, pop e trap, son numerosas as referencias á cultura de internet, aos videoxogos e á Galiza máis contemporánea. Con dous álbums xa publicados, como son Filloas (2022) e O Segundo XD (2023), actualmente o grupo está preparando un novo EP.

Boa saúde da música en galego

O xurado do concurso Novos Valores do Festigal -composto por Xavier Castro, Anxo Sánchez e Alberto Busto (músicos), Marta Gómez e Alejandro Bastero (Galiza Nova), e Lucía Veciño (Fundación Galiza Sempre)- puxo en valor a "boa saúde e talento" que vive a música en galego, como demostra a participación de 22 bandas nesta edición, a de maior número nas oito decorridas.

Comentarios