Festiletras volve a Ponteceso para conmemorar 'O Dezasete'

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso anunciou os actos que, co nome de 'O Dezasete', anticiparán en maio os actos do Festiletras que terán lugar en setembro. 
A edición de 2020 do Festiletras (Foto: Festiletras).
photo_camera A edición de 2020 do Festiletras (Foto: Festiletras).

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso conmemorará as Letras Galegas na que será a 40º edición das Festiletras no mes de setembro. Aínda así, contará con actividades ao redor da propia data no mes de maio cun programa cultural que deron en chamar 'O Dezasete' e que terá como lugar central a aldea do Couto.

As actividades comezarán o día 14 de maio cunha saída até Muxía, guiado polos estudosos da obra de Pondal, Felipe Senén, Félix Neira e Manuel Ferreiro, nunha xornada que rematará cun contacontos ás 12.30 horas co camerunés Boniface Ofogo, que tamén ofrecerá outra sesión ás 21.30 h., na Casa da Veciñanza.

O 15 de maio, domingo, será o día en que se entreguen os Premios Bos e Xenerosos (12 horas) xunto cunha ofrenda floral e a visita a unha exposición fotográfica sobre estes 40 anos de cultura. Xa o 16 de maio será o momento do humor e a oralidade co teatro.

Desde terras de Labarta Pose (Baio) chegará Badius co seu espectáculo titulado 'A Peregrinaxe'.

Os actos rematarán o día 17 de maio cun percorrido polas placas das escritoras e dos escritores con pegada na sede da asociación cultural Monte Branco. O ramo poráo un recital poético de Rosalía Fernández, Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Xurxo Souto coa música de Faia Díaz. 

O programa confirmado para setembro

Os actos principais do Festiletras 2022 serán no mes de setembro cun programa xa confirmado ao que se lle sumarán algúns nomes nos vindeiros meses.

Polo de agora, a organización certificou que entre os días 1 de 4 de setembro pasarán pola aldea do Couto nomes como Xabier Díaz, Rodrigo Cuevas, The Rapants e Carlangas DJ Set.

Comentarios