O Festival Atlántica reivindica a narración oral como disciplina artística

A primeira semana de xullo Atlántica vaise desenvolver en 25 concellos de toda Galiza e consolídase en Portugal con 5 sedes. Máis de 90 funcións de 45 propostas escénicas diferentes desenvolvidas por 50 artistas procedentes de Brasil, Xapón, Portugal, Italia, Cuba, Salamanca, Zamora e a Galiza. Descentralizado, transfronteirizo, multiformato e integrador: Atlántica 2024 renova o seu compromiso co territorio e a súa xente.

Natividade González, Miriam Louzao e Soledad Felloza.
photo_camera Natividade González, Miriam Louzao e Soledad Felloza.

O Festival Atlántica vén de presentar onte o programa completo da súa 12ª edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 7 de xullo. Na rolda de prensa participaron Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Tamén acudiron ao evento Evelyne López Mussons, coordinadora de Atlántica en Portugal, e representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Atlántica chegará a grandes cidades como Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol, e a concellos de tamaño medio como Ribeira, Vilalba, Caldas de Reis, Betanzos ou Teo, e a concellos do rural como Pazos de Borbén, Dodro ou Alfoz, (Cuntis e Outes) entre outros. Unha capilaridade que é posíbel grazas á complicidade de múltiples axentes institucionais e da sociedade civil e que fai de Atlántica un ente cultural que se adapta a públicos e espazos diversos.

Atlántica 2024 non esquece a súa función reivindicadora da narración oral como disciplina artística, coa programación de propostas de La Chana Teatro como Pisando el llano, espectáculo inaugural, ou a singular Blancanieves, na que todas as personaxes son lámpadas.

Haberá tamén espazo para as estreas de Contar para vivilo, de Cándido Pazó, Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco, Contos, cantos e outros tantos, da portuguesa Ana Sofía Paiva e as Lendas suburbanas de Quico Cadaval. E seguirá a aposta polos contos de terras afastadas como as historias de Yoshi Hioki e pola potencia narrativa da terra e da que é bo exemplo o Premio Nacional Paula Carballeira.

Atlántica volverá transitar pola senda da narración oral como unha disciplina híbrida, facendo fincapé na boa maridaxe entre os contos e a música. Unha mestura que está a dar moi bos resultados entre o público infantil -como demostran Grandes éxitos de Caxoto ou Son animal de Paco Nogueira-, mais tamén co público adulto, como demostrará Su Garrido Pombo ao clausurar o festival co seu espectáculo Patio de luces

Consolidación en Portugal

A directora do festival, Soledad Felloza, salientou durante a presentación "a ledicia e o esforzo que supón a consolidación de Atlántica como un evento transfronteirizo coa programación en cinco aldeas da Serra do Xerés", que fai deste encontro "un dos poucos eventos das artes escénicas da Península que programa ao longo de sete días a unha beira e outra da raia".

 

Comentarios