Galiza, o país das mil foliadas: estas son as que non podes perder

A música tradicional é un punto de unión e de comunidade para a sociedade galega. Os sons das pandeiretas e das gaitas nas foliadas enchen todos os recunchos da Galiza, facendo que as rúas e as prazas do territorio galego sexan unha gran festa. Mais, cantas foliadas hai no país? Aquí tes algunhas delas.

11222048_369111609945393_861418014428907935_o
photo_camera Cantos de taberna na Foliada de Melide. (Foto: Foliada de Melide)

As foliadas son unha das mellores mostras das festas populares galegas. Están presentes en boa parte da cronoloxía galega, e xa nos seus comezos eran reunións sociais para cantar e bailar. No pasado, principalmente, están asociadas ao mundo rural, posto que adoitaban desenvolverse no remate das longas e duras xornadas de traballo do campo galego. As foliadas constituirán un lugar de transmisión interxeracional, xa que as crianzas ao imitar os xeitos das persoas máis maiores aprendían a música tradicional galega. Durante a ditadura franquista as foliadas, ao igual que outros ámbitos da sociedade e festividades como o Entroido, sufriron opresión sendo en ocasións prohibidas ante a denuncia de alguén.

A Fonsagrada e Melide enchen as súas rúas nas foliadas

A Foliada da Fonsagrada (na comarca homónima) é unha das máis grandes e recoñecidas do país, é por isto que a súa data está marcada no calendario de boa parte da sociedade galega. Transcorre na ponte de decembro e reúne a centos de persoas de todos os puntos do país. Nela ten unha especial emoción a homenaxe que lle realizan, desde a organización, ás persoas que mantiveron viva a tradición na comarca, como as bailadoras, pandeireteiras e gaiteiros.

Esta Foliada nace un 26 de decembro de 2015, da man dun grupo de mozas que non querían que a súa terra esmorecese e que as músicas e bailes da comarca estivese presentes na lembranza colectiva da sociedade. A finalidade destas mozas cumpriuse chegando ao éxito e converténdose nunhas das foliadas máis recoñecidas do país.

A elección deste nome, tal é como comentan algunhas das persoas da organización, estivo influída pola Foliada de Melide, posto que consideraban que reflectiría á perfección a denominación máis popular. A Foliada de Melide (Terra de Melide) nace en maio de 2005 organizada pola Asociación Cultural O Castelo, que nas posteriores edicións pasará a celebrarse a última fin de semana de abril. Conta cun amplo programa composto por obradoiros, espazos para as crianzas, cantos de taberna, presentacións de libros, obradoiros de baile, actuacións,etc.

No ano 2009 é o momento no que se amplía a foliada a dous días, así como se incorpora o concurso de Cantos de Taberna, no cal grupos de Galiza e Euskadi percorren a zona dos viños de Melide. En 2010, co apoio do Concello, haberá unha mudanza do espazo da foliada pasando a realizarse no casco antigo melidá. Na próxima edición, a número 17, contarán, o sábado 27 de abril, cos Cantos de Taberna e cun serán a cargo do grupo Ailá. Ao día seguinte, o 28 de abril, terán, entre outras actividades, as actuacións de Xurxo Fernandes e Xosé Lois Romero e Aliboria.

Foliadas nos próximos meses

No mes de abril, en Arzúa (na comarca homónima) celebrarase o día 6 a edición XI da Festa da Gaita, cunha homenaxe a Susana Seivane. O máis destacado deste encontro musical son os Cantos de Taberna en 23 bares do concello e nos que participarán 31 grupos. Ese mesmo día e perto de Arzúa hai a VI Foliada dos Pepes, na parroquia de Merlán, pertencente ao concello de Palas de Rei (A Ulloa).

Unha xornada, na que os obradoiros terán unha grande importancia, posto que haberá sobre o ‘Repertorio, técnica e ornamentación dos gaiteiros da bisbarra de Arzúa e Terra de Melide’, impartido por Serxo Nunhes Martis, outro do ‘Pandeiro cadrado na Galiza’, da man de Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio e, por último un de ‘Baile de Montemaior’ con Ruth Pérez. Tamén en abril, concretamente o día 20, a música tradicional galega encherá Ortigueira (Ortegal) no VII Son Cervexeiro, que contará cun serán a cargo de Ailá.

En maio, volta a foliada ao concello de Cervo (A Mariña) o día 4 coa súa edición VIII, proximamente coñecerase ao completo a súa programación, mais a organización xa adiantou que haberá sesión vermú, cantos de taberna e foliada. O mesmo día, en Narón (Ferrolterra) celebran a súa Foliada Alixibeira, na que Xisco Feijoo impartirá un curso de ‘Baile tradicional na montaña’ e outro dos ‘Cantares de pandeiro’. A fin de semana do 10 ao 12, terán lugar os Cantos de Taberna en Pontedeume (Eume).

Foliadas que non debes perder o próximo ano

O mes de marzo veu cargado de foliadas en todo o país, entre elas estivo a celebración da VIII Foliada Nordestía, en Cervo (A Mariña), cunha abundante participación no Cantos de Taberna con 16 grupos, así como os concertos de Brúa, Tanto nos Ten e Banda Xangai. O día seguinte, en Vigo puideron desfrutar da Foliada da Festa da Reconquista. Ao igual, que o fixeron en Mañón (Ortegal), o día 28, no Serán do Sor, no cal houbo unha sesión vermú do grupo Faíscas da Pontraga, así como o concerto dos Carecos, rematando a festa cunha Foliada libre.

Febreiro é un mes cheo de foliadas, entre elas está unha data sinalada para os amantes da música tradicional, que é o Serán dos namorados en Toutón (O Condado). Na pasada edición, contou cun concerto de Xisco Feijóo, acompañado polas Pandeireteiras de Toutón. Outra data importante ese mes é a Foliada de Carraxía en Malpica (Bergantiños).

Foliadas convertidas en festivais

O auxe das foliadas foi tan grande nos últimos anos, que algunhas delas adoitaron o formato de festivais, tendo cartaces con artistas de renome no panorama musical do folk galego. O máis recoñecido, tanto no país como máis alá das fronteiras da Galiza, é o Festival de Ortigueira (Ortegal), onde a música galega ten unha grande presenza compartindo escenario coas músicas celtas do resto do mundo. Naceu no ano 1978 froito do esforzo da Escola de Gaitas de Ortigueira.

Para a celebración deste ano xa hai data, do 11 ao 14 de xullo, e aínda que o programa ao completo polo momento non foi anunciado, xa se coñece que un avance del, coa presenza de: Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads (Bretaña), Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band (Escocia) e Muro Kvartet (Aragón). No mesmo mes, en Moaña (Morrazo) celebrase desde 1985 o Festival Intercéltico do Morrazo. É un referente no mundo folk e este ano celebrará a súa edición número 40.

En xuño, no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda (O Deza), celebrase a Santa Ferreña, patroa dos Encontros de Música Tradicional, que cada primeiro sábado do mes enchen as instalacións do antigo mosteiros de música tradicional. O Festival Folk in Río é outras das datas sinaladas no calendario folki galego, celebrado en xullo e que conta cunha ampla programación de actividades como: un xantar campestre, cantos de taberna, feira de artesanía e actuacións musicais.

O Son do Pazo, en Mos (Vigo) tamén pasou de ser unha foliada a un festival de música tradicional que a finais de agosto, principios de setembro, xunta a artistas como o grupo De Ninghures ou Mondra. Que, tamén, estarán presentes na próxima edición da Festa da Sementeira, que se celebrará o 11 e 12 de maio en Salvaterra do Miño (O Condado).

Os zocos de Eferro como símbolos tradicional da Galiza tamén tiñan que ter a súa propia foliada. É por iso que o 14 de setembro se celebrará na parroquia de Merza, en Vila de Cruces (O Deza). Aínda que non se coñece a programación, esta apunta alto tendo en conta que na pasada edición contou coas actuacións de Susana Seivane ou as Tanxugueiras.

Compostela a cidade das foliadas

A música tradicional é a banda sonora da cidade picheleira, posto que nela cada semana celébranse varias foliadas acotío. Unha das máis destacadas é a dos cuartas-feiras na Casa das Crechas, cunha gran fama que chega até os turistas que visitan a cidade. Tamén nas cuartas-feiras, moi perto da Casa das Crechas hai  foliada na Gramola, outro locais referente da música tradicional; posto que nel, tamén, se celebran Muiñadas nas sextas-feiras.

As Estalotadas continúan presentes nas rúas do barrio de San Pedro, 33 anos despois da creación destas “festas ambulantes”. Naceron da man do grupo dos Estalotes, co fin de baixar tomar algo nas sextas ás tabernas do seu barrio, enchéndoas de música e baile. Unha idea e tradición que resistiu todos estes anos, podendo desfrutala na actualidade no inicio da fin de semana. A Nave de Vidán é outro dos locais de Compostela non que a miúdo se celebran foliadas, a máis destacada a organizada AC Seráns en Compostela.

Comentarios