Pontevedra

HobbyPont: 48 horas para crear un videoxogo

O Centro Leste de Pontevedra será a sede do HobbyPont, a edición local da Global Game Jam, un evento internacional de creación de videoxogos contra o reloxo.
HobbyPont (Foto: Nós Diario)
photo_camera Evelio Sánchez, promotor da HobbyPont, e Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías. (Foto: Nós Diario)

As persoas amantes dos videoxogos teñen unha cita en Pontevedra a próxima sexta feira 3 de febreiro. O Centro Leste será a sede, a partir das 17 horas, dunha nova ecición da HobbyPont, a versión local da Global Game Jam, un evento de creación de videoxogos de transcendencia internacional que decorre cada ano, paralemente, cun triplo formato: presencial, en liña e mixto.

O obxectivo? Crear un videoxogo en 48 horas. Si, apenas dous días para facer o traballo que as principais compañías do sector realizan ao longo de varios meses. A sexta feira comeza a jam —sesión de improvisación—, e desde entón os participantes comezarán a artellar as súas propostas para presentalas o domingo.

"É un evento que se desenvolve en máis de 700 localizacións en todo o mundo de xeito paralelo. Animamos a todo o mundo a que participe na de Pontevedra. No ano 2020 participaron perto de 48.000 persoas. Cantas participarán este ano? Nós propoñemos un máximo de 50 participantes desde a Boa Vila, unha cifra correcta e realista para a cidade", apuntou o edil responsábel de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña.

Este certame está aberto á participación de profesionais do deseño e a programación... Mais tamén convidan a facer parte do proceso creativo a guionistas, músicos ou debuxantes, pois o seu papel na creación de videoxogos resulta imprescindíbel, e tamén a calquera persoa animada pola curiosidade. "Só ten que estar no Centro Leste ás 17 horas e iniciarse no proceso", lembrou Oubiña.

Haberá dúas alturas ou modelos á hora de participar: de entre 12 e 17 anos —só en liña— e de 18 ou menores acompañados "até o infinito". O recinto ficará aberto durante toda a fin de semana, 48 horas de forma ininterrompida. A organización habilitará unha sala para quen precise "botar unha cabezada" nun saco de durmir para repor forzas nesta maratoniana xornada.

Evelio Sánchez, pomotor da HobbyPont, afirmou que é unha "sorte" poder recuperar a presencialidade desta cita e "darlle continuidade a aquela primeira edición presencial". "Esta é a única ubicación na Galiza, e xa temos confirmada a presencia de xente que virá desde Ourense e outros puntos do país. Atoparse nunha contorna presencial é realmente importante, fai que a xente se mova e que o pase ben", celebrou.

Comentarios