A literatura de Manuel Rivas volve ás librarías coa novela 'Tras do Ceo'

O escritor presentou esta cuarta feira a obra en Compostela.
O escritor Manuel Rivas, esta cuarta feira, coa súa nova obra. (Foto: Arxina)
photo_camera O escritor Manuel Rivas, esta cuarta feira, coa súa nova obra. (Foto: Arxina)

A libraría Cronopios de Compostela acolleu esta cuarta feira a presentación de Tras do Ceo, o último libro de Manuel Rivas, nun acto no que participaron, ademais do autor, a xornalista Susana Pedreira e o director de Xerais, Fran Alonso. Precisamente desde a  editorial sinalan que se trata “dunha novela negra radical que inicia un novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home e a depredación social e natural”.

A trama transcorre nunha contorna rural, coa aldea de Tras do Ceo como epicentro da historia. Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é O Solitario, un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías.

A historia dá unha volta coa presenza de dúas mulleres sendeiristas que se atopan no escenario da batida, onde afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda. Posteriormente, o que comeza sendo unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, até chegar a un punto de violencia verbal.

As mulleres, nai e filla, abraiadas pola situación, deciden fuxir. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. Segundo sinalan desde Xerais, a crónica é elaborada “cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno”.

A editora desta nova novela de Manolo Rivas destaca que o autor pon o foco nesa “convivencia entre a comedia e a atrocidade”, abordando cuestións como “ecoloxismo, o abandono do rural, a violencia ou o machismo e o abuso de poder”. Neste punto, significa que Rivas elabora unha obra “chea de humor e á vez salvaxe, sen edulcorantes”, onde o humor actúa coma “un mecanismo de contención da violencia e sempre como expresión de liberdade”.

Comentarios