CONTRACULTURA

Marcos Rodríguez, fotógrafo: "Na Galiza pasamos do loito rigoroso e os panos na cabeza aos polares do Decathlon"

Marcos Rodríguez retrata o rural da Costa da Morte en 'Finis Terrae'
O fotógrafo Marcos Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O fotógrafo Marcos Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

Marcos Rodríguez (Milán, Italia, 1973) vén de publicar Finis Terrae (Canela), unha obra que recolle boa parte das fotografías etnográficas que leva realizadas desde 2007, retratando as xentes e vestimentas tradicionais da Costa da Morte. 

Por que comezou a facer estas fotografías da Costa da Morte?
A señora que sae na portada do libro non é a miña avoa, mais ben podía selo, porque eran idénticas. En realidade, practicamente todas as avoas da miña xeración eran así: moi tradicionais, co pano na cabeza, vestidas de loito... Sempre me quedou esa espiña de non terlle feito fotografías ás miñas avoas porque agora que me dedico a isto teño moitas imaxes, mais non as que a min me gustaría ter. Aínda que me considero carballés, levo un tempo afincado en Cee e no momento no que me mudei estaba traballando para xornais, polo que me atopei con que tiña máis facilidade para desprazarme. Isto deume pé a atoparme con moitas persoas e cousas da vida cotiá que a min me interesaba retratar. 

Como unha maneira de deixar constancia de como se vivía?
Sobre todo quería lembrar algo que é do noso pasado e que pensaba que se ía perder moi rápido. E de feito foi aínda máis rápido. Na Galiza pasamos de cumprir o loito rigoroso e levar boina ou pano na cabeza a que agora os maiores do rural leven forros polares do Decathlon. Dentro duns anos pode ser algo interesante, mais agora paréceme unha mágoa. Dá a sensación de que somos un pobo que perde as tradicións de maneira moi doada. Daquela, as miñas avoas xa morreran e eu vía que estaban a perderse certas cousas, que a xeración delas era a que marcaba un punto de inflexión na tradición.
E por ese motivo tamén comecei a retratar as persoas que me atopaba con boina ou cun pano na cabeza, porque sabía que ía durar pouco. Hai profesionais como Ramón Caamaño ou Ruth Matilda Anderson que fixeron fotos da xente vestida da mesma maneira. Entre os anos 20 do século pasado e os comezos do século XXI practicamente non mudara nada esteticamente, mais de súpeto mudou todo de golpe, igual que ocorreu coas edificacións. E creo que este libro, Finis Terrae, retrata moi ben algo que considero moi rural e moi galego, non só propio da Costa da Morte. 

Despois de retratar tantas persoas, tamén gardará moitas anécdotas.
Sempre intento falar coas persoas en vez de sacar a cámara xa de primeiras, e incluso hai persoas que despois non queren que as retrate, pero sempre me abren as portas das súas casas e contan as súas historias.

Como sociedade pasamos moito da xente maior e non nos paramos a escoitar todo o que teñen que contar. A muller que aparece na portada atopeina un día pasando en coche pola súa aldea, Santa Mariña (Camariñas). 

Baixei e pregunteille se podía facerlle unha fotografía. Despois, imprimina e quixen levarlla á súa casa como agasallo. Estiven con ela e co seu home e fíxenlles outras fotos a ambos. Eles pensaban que o facía por seren maiores, non polos seus costumes, e indicáronme a casa da veciña para que fora xunta dela, xa que era maior ca eles. 
Esa fotografía, da veciña sentada na beirarrúa coa galiña no colo, tamén aparece no libro.

Volveu xunta eles?
Volvín dúas veces a regalarlles máis fotografías e a facerlles outras e hai uns anos atopeime coa súa filla, que me contou que a súa nai apenas falaba e que estaba moi mal e que seu pai morrera 15 días atrás. Lembro que estiven chorando, porque ao final eran persoas súper importantes para min, polo que compartimos e polo que significaron.

Comentarios