Marta Pazos dirixe 'Dique', o novo espectáculo de Nova Galega de Danza

Na súa primeira colaboración con Nova Galega de Danza, Marta Pazos dirixe o espectáculo,cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar, entre outras

Unha escena de 'Dique'. (Foto: Vanessa Rabade)
photo_camera Unha escena de 'Dique'. (Foto: Vanessa Rabade)

Onte presentouse en Santiago Dique, o novo espectáculo da compañía Nova Galega de Danza, cuxa estrea absoluta decorrerá esta sexta feira, 21 de xuño, ás 20,30 horas, no Salón Teatro de Compostela.

A peza, con dirección escénica de Marta Pazos, pon en valor o traballo das mulleres que participaron na construción do Dique da Campá de Ferrol hai 150 anos. Coas entradas esgotadas para a primeira función, haberá dous pases máis o sábado 22 ás 20,30 horas e o domingo 23 ás 18 horas.

Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a tradicional nunha conversa que reflicte a conexión pasado e presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en cestos sobre as súas cabezas.

Nova Galega de Danza formou un equipo integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección escénica e da dramaturxia, con coreografía de Belén Martí Lluch e música de Clara Aguilar. Sobre o escenario estará un elenco de oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites.

A directora e dramaturga Marta Pazos destacou "a rotundidade, a forza e a xuventude que destila o espectáculo". "No meu traballo o interese é poñer no centro a personaxes non privilexiadas da historia desde unha perspectiva de xénero. E esta proposta de Jaime, a súa enorme xenerosidade, foi un agasallo, non podía dicir que non".

Comentarios