Máis

Medio século de bica

A Pobra de Trives celebra a súa gastronomía.
webbica
photo_camera A bica poderá degustarse no xantar do día de mañá. (Foto: Cultura Galiza)

A Festa da Bica da Pobra de Trives (comarca de Terra de Trives) conmemora este ano o seu 50 aniversario en dous días cheos de festa onde esta torta, típica da zona, alongará a tarde de sobremesa até que o corpo aguante.

O evento, que o ano pasado festexou a súa primeira edición coa cualificación de Festa de Interese da Galiza, celebrarase esta mesma fin de semana. O xantar, que terá lugar o día 29 no CEIP Manuel Bermúdez Couso e que acollerá a 500 comensais, ofrecerá, ademais da bica tradicional, un menú renovado para a ocasión con empanada de cachena, becerro ao espeto e viño, café e licores para mollar a comida.

A compra para as entradas desta actividade fechou o día 23, mais aínda se pode desfrutar do resto de propostas culturais e gastronómicas que se enmarcan dentro desta Festa da Bica de Trives. Así, mañá será a quenda non só da comida popular, senón dos desfiles de gaiteiros e dos concertos de festa. E, como remate para baixar a comida, o próximo domingo terá lugar a andaina até a estación de Manzaneda. Retomando, como xa vén sendo habitual, unha romaría tradicional que formaba parte da historia do lugar. Neste pico de Manzaneda, familia e amizades achegaranse a celebrar o día, a pé ou en cabalo nun punto que reunirá tamén artesáns especialistas na elaboración de bicas.

A festa da bica cadrará un ano máis co festival celtibérico de bandas de gaitas celebrado no concello lindeiro de Manzaneda. Un concurso que reúne diferentes grupos de gaiteiros de toda Galiza para determinar cal é a mellor banda. Unha coincidencia que fai deste festival a fin de festa perfecta.

Comentarios