A Mostra de Teatro de Ribadavia anuncia o seu 40º aniversario

A MIT fechará a edición deste ano o día 27 coa presentación da obra de ButacaZero Iribarne.
O tríptico de carteis que anuncia a 40ª edición da MIT.
photo_camera O tríptico de carteis que anuncia a 40ª edición da MIT.

Esta cuarta feira, 8 de maio, tivo lugar a presentación da serie de tres carteis que conforman o tríptico co cal a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) quere celebrar a súa 40ª edición. No acto -no que participaron as autoridades do Concello de Ribadavia e unha das responsábeis do deseño, Ainhoa Viñuela, ademais do Director Artístico da MIT, Roberto Pascual- púxose de manifesto a idea de potenciar os froitos que a MIT brindou ao longo destes 40 anos, así como o seu carácter lúdico, de cruzamentos e de aposta pola innovación a partir da súa tradición.

No tríptico da imaxe desta edición espello, reflíctese a idea de linguaxes híbridas da escena a partir de fotografías realizadas por Rosiña Rojo, a fotógrafa oficial do festival, con obras de diferentes épocas artísticas depositadas en museos europeos. Patricia de Lorenzo, unha montaxe de Marta Pazos ou unha escena de danza de La Macana conforman a escolma do deseño gráfico que procura reflectir a identidade do festival.

A MIT foi o primeiro festival en realizar coproducións, en fomentar o diálogo das compañías galegas nun contexto internacional, a diversidade de xéneros escénicos, as residencias e programación expandida... Todo iso pretende ser a imaxe, baixo o fondo patrimonial e artístico da vila.

Unha das primeiras citas que chegará nesta MIT vai ser o recibimento dos artistas nas Residencias Paraíso da Igrexa da Madalena, a comezos de xullo, onde estarán desenvolvendo o seu proxecto, para mostrar o proceso no marco do festival. Este ano recibiremos ao colectivo Desgarradura, co proxecto The miracle worker.

A MIT fechará a edición deste ano o día 27 coa presentación da obra de ButacaZero Iribarne, coproducida polo CDN e pola MIT, unha satírica política sobre a transición e sobre a Galiza contemporánea.  

Comentarios