A nova fornada do talento galego cítase en Compostela para 'Mover os Marcos'

O Centro Xove de Creación Cultural de Compostela acollerá o vindeiro 5 de outubro 'Mover os Marcos'.
arxina mover os marcos os marcos-4
photo_camera Natividade González e Goretti Sanmartín, no centro, na presentación deste encontro. (Foto: Arxina)

O Centro Xove de Creación Cultural de Compostela acollerá o vindeiro 5 de outubro 'Mover os Marcos', un encontro no que novos creadores e xente moza debaterán sobre temas cruciais como son as relacións sociais, a saúde mental, o medio ambiente, o deporte, o rural, a literatura ou a tecnoloxía, entre outros. A xornada está organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e xestionada por Culturactiva. 

“Esta xornada é un encontro ao redor dunha idea que temos clara na Deputación", afirmou Natividade González, deputada na entidade provincial: "Hai unha nova xeración que xa está a protagonizar un cambio de fondo, profundo, no modo de vivir e de sentir Galiza, que quere pensar, ademais, noutras formas de vida máis humanas e sostíbeis".

"E para iso hai que mover moitos marcos. Sobre todo os marcos mentais que ás veces nos condicionan ou impiden avanzar. Esta nova xeración, este encontro que imos celebrar, está xa a mover todos eses marcos e a pór en marcha un novo país” destacou González. 

O evento propiciará espazos de conversa, con capacidade reducida que faciliten a participación do público, da man de nomes como Laura Veiga, Paula Vilaboy, todomal.gal, Arantxa Vicens, Leti da Taberna, Pradorua, Agareso, Priscila Retamozo, Iván Iglesias, Nuria Vil, Marisol Arias, Tania Sánchez, Bruno Arias, Galiza no Pixel, Olaxonmario, Afra Torrado,  Lixo Atelier, A Casa das formigas, A Talangreira do Beque, Exército Mekemeke e 'Xeración Alfa' ou Sergio Marey.

Como preludio a este encontro, o 3 de outubro, a Sala Capitol de Santiago acollerá unha xornada coas actuacións de Alana e Momboi. As entradas para ambos os dous eventos serán de balde e están dispoñíbeis a través da plataforma Eventbrite. 

"Escoitar"

A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín destacou a “importancia” de “escoitar a xente nova, que se fai preguntas esenciais, e que está facendo magníficas propostas en todos os ámbitos, cun gran impacto, para transformar a sociedade e avanzar". Pola súa parte, a xestora cultural e unha das integrantes do programa,

Sara Fraga, salientou que "normalmente a xente nova é a que escoita mais, nesta ocasión, temos o micro e a voz para trasladar as nosas ideas”. 

Comentarios