O Nigrán Jazz chega á súa decimoitava edición en xullo

O festival estrea o 25 de xullo a súa primeira jam-session no ‘Malabar Pénjamo’ de Patos e o 26 e 27 de Xullo, xa no esteiro de A Foz, contará con Sergio de Miguel Trío e o quinteto ‘Alto for Two’ o primeiro día e a Martin Verde Quintet e Arcazo&Perramon o segundo

O trío de Yago Vázquez tocando na clausura do Festival de Jazz de Cangas de 2023. (Foto: María Vence)
photo_camera O trío de Yago Vázquez tocando na clausura do Festival de Jazz de Cangas de 2023. (Foto: María Vence)

Catro concertos, tres jam-sessions e una masterclass a cargo dos músicos europeos máis prestixiosos do momento celebrarán a maioría de idade do Nigranjazz do 25 ao 27 de xullo no Concello de Nigrán, que se presentou esta segunda feira, 17 de xuño. na nave de cervexas Banda en Porto do Molle.

O escenario ao aire libre do esteiro da Foz (A Ramallosa) volverá a ser o epicentro da elite do jazz mundial o día 26 coas saxofonistas Kika Sprangers e Irene Reig, lideresas do quinteto internacional Alto for Two que abrirán esta décimo oitava edición precedidas do trío do pianista vigués e residente en Chicago Sergio de Miguel, auténtico "neno prodixio" graduado en Berkeley e recoñecido aos 20 anos entre os máis destacados músicos de jazz de EEUU.

Ao día seguinte, o sábado 27, o guitarrista nacido en Ourense e formado en Amsterdam Martín Verde abrirá a noite co seu quinteto para dar paso ao cuarteto dos mozos cataláns Camil Arcarazo (guitarra) e Marçal Perramon (saxo), outros "nenos prodixio" do jazz que comezaron de cativos e que con menos de 25 anos están considerados entre os mellores de Europa tras terse formado ambos no Jazz Campus de Basilea (Suíza).

Como novidade, o prestixioso pianista vigués Yago Vázquez, habitual na escena do jazz neoiorquino, ofrecerá unha jam session o día 25 no Malabar Pénjamo de Patos, acompañado polo saxofonista redondelán Fernando Sánchez.

E como parte indisolúbel do festival, non faltará a clásica masterclass patrocinada pola Fundación Mayeusis para todos os músicos que desexen formarse, a cargo de Alto for two o 26 de xullo no Auditorio do Concello, pechándose ademais cada noite de festival con jam-sessions que se encargarán de abrir a porta ás grandes promesas da escena galega.

Comentarios