Documentos indican que Ourense foi onde se estreou o 'Grândola vila morena'

Xosé Lois Carrión deu a coñecer nas súas redes sociais a autorización gobernamental para a actuación de José Afonso en Ourense, dous días antes que o do Burgo das Nacións en Santiago, xunto coa relación das cancións autorizadas para o recital
Autorizacións gobernamentais e anuncio do recital na prensa.
photo_camera Autorizacións gobernamentais e anuncio do recital na prensa. [Imaxes: Xosé Lois Carrión]

A canción de José Afonso que se transfomaría no símbolo da Revolución dos Cravos, "Grândola, vila morena", escoitouse por vez primeira na Galiza, aínda que non en Santiago de Compostela, como até o de agora se cría, senón en Ourense.

Polo menos iso é o que se desprende dos documentos que vén de facer públicos Xosé Lois Carrión González, fundador e directivo da asociación Amigos da República de Ourense, coleccionista de autocolantes políticos e custodio dos arquivos de seu avó, o primeiro concelleiro nacionalista de Ourense, Leuter González Salgado.

Carrión xa escribira en ocasións sobre a súa convicción de que fora no Liceo de Ourense onde o Zeca Afonso cantara, o 8 de maio de 1972, esa peza por vez primeira na Galiza, fronte á narrativa histórica de que fora no compostelán Burgo das Nacións, un par de días despois.

A tese de Carrión contaba co apoio de Gonzalo Iglesias Sueiro, que naquela altura era o presidente da Asociación Cultural Breogán, organizadora do recital en Ourense. Iglesias Sueiro lembraba que as xestións para traer ao musico portugués a Ourense foran levadas por Carlos López Polo e Francisco López Cambeses, membros daquela, coma el mesmo, do PCE. 

Cambeses tamén referendaba a tese de que no recital de Ourense o Zeca cantara a peza, igual que o músico Xico de Carinho quen, ademais, matizaba que José Afonso tocara anteriormente na Galiza, ao contrario do que sostén Benedicto -o cantautor galego que acompañou ao Zeca en Ourense- no libro Sonata de amigos. A comezos dos anos 50 fixérao en Vigo, Santiago e Coruña, co grupo de fados de Coimbra e, en 1964, fíxoo de novo no parque de Castrelos da cidade olívica.

Agora, Carrión deu a coñecer nas súas redes sociais a autorización gobernamental -un requisito imprescindíbel durante a ditadura- para a actuación de José Afonso, xunto coa relación das cancións autorizadas para o devandito recital, unha documentación preservada por Iglesias Sueiro. 

Comentarios