Contracultura

Paco Boluda: "O mundo galaico está desvirtuado, vese como xente atrasada cando era todo o contrario"

Paco Boluda, ilustrador arqueolóxico, dirixe o proxecto "Lanóbriga: unha cidade galaica", que busca recrear a vida hai 2.000 anos no castro de San Cibrao de Lás, no límite dos concellos de San Amaro e Punxín (comarca do Carballiño). Boluda relata os obxectivos do proxecto, así como a visión habitualmente errónea que se ten do mundo galaico.
Paco Boluda é o director artístico do proxecto. (Foto: Cedida)
photo_camera Paco Boluda é o director artístico do proxecto. (Foto: Cedida)

—Como comezou o proxecto de Lanóbriga?
Comeceino como parte dun libro, mais falando con Carlos Paz, un dos mellores infografistas que hai e co que teño moita amizade, convenceume de que podíamos aproveitar todo isto no 3D porque era o futuro. Eu era algo reticente, porque aínda son da escola do debuxo, mais comezamos a facer algunhas probas coas portas e pouco a pouco foi sumándose xente que estaba moi emocionada, porque é certo que é un proxecto moi bonito e que levamos con moito orgullo.

Hoxe formamos o equipo nós os dous máis Anxo Miján, Alexandre González Rivas e Manuel García Ávila e temos o obxectivo de darlle visibilidade á nosa cultura. O mundo galaico é moi descoñecido e está desvirtuado, porque estamos moi acostumados a velo como unha época de xente atrasada que vivía de forma case salvaxe, cando é todo o contrario.

Era unha cultura tan rica que deixou unha pegada no noso mundo que chega até hoxe. Somos herdeiros da súa arquitectura, decoración, tamén moitas formas de actuar e de pensar... 

—Cal é o proceso para darlle visibilidade a esta parte?
Hai que amosala dunha maneira atractiva e, por suposto, sen perder a lexitimidade. Todo o que facemos está baseado en estudos previos e en consultas que facemos. Non estamos inventando nada que se nos ocorra así de súpeto. Estamos facendo un traballo científico, non unha novela de ciencia ficción. Porque queremos que a xente realmente vexa o que era unha cidade galaica, o nivel que tiñan de desenvolvemento. Por outra parte, tamén creo que temos que pensar en internacionalizar a nosa cultura.

Eu sempre poño o exemplo do mundo viquingo. Hai 40 anos dicíase deles que eran uns salvaxes e mesmo non lle importaban a moita xente. Co tempo déronlle unha personalidade, promocionaron esta cultura en películas, series e até peiteados. Canto dividendo produce iso? O territorio onde estaban os viquingos recibe unha promoción constante. Nós temos unha cultura anterior a esta, con moito máis tempo de desenvolvemento e temos que saber vendela fóra. Temos que utilizar unha serie de instrumentos que nos sirvan para iso e hoxe é a imaxe.

—Cales poden ser as aplicacións deste proxecto?
O vídeo que colgamos hai uns meses na nosa canle de Youtube é só unha mostra. A finalidade é empregalo tanto en medios de divulgación a nivel editorial como en videoxogos. Todo está feito tal cal: están os muros para que no propio castro poidas pór as gafas de realidade virtual e moverte por alí vendo como era a cidade, porque todos os muros coinciden. Tamén queremos traballar xa co metaverso, que desde a túa casa poidas ir alí vivir cando queiras. Alén das vivendas, nestes momentos estamos recreando todo o que hai no interior delas, todo o que se precisa para vivir: mobiliario, vaixela, teares... Todas as alfaias que levan e a roupa está contrastada e é moi interesante porque estamos reproducindo moita olería e xoias que se atoparon nos castros como aneis, brazaletes ou colares.

As teas, por exemplo, que as vemos nas feiras históricas case como sacos, realmente estaban totalmente decoradas e bordadas. É un traballo moi minucioso no que levamos tres anos traballando, mais tamén é moi bonito porque podemos amosar esta outra imaxe da vida galaica. Ademais, este castro ten unha peculiaridade con respecto a outros coñecidos: é unha cidade planificada, houbo un proxecto e un plano previo e despois foi construída de golpe coas súas rúas e canalizacións.

Para min, o castro de San Cibrao de Lás é a Pompeia galega porque seguimos atopando cousas. Hai que ter en conta que é unha cidade de dez hectáreas, na que poderían vivir entre 3.000 e 5.000 persoas, mais só está escavada unha.

Comentarios