O Parlamento pide á Xunta que investigue a desaparición das esculturas do Mosteiro de Carboeiro

A proposición non de lei foi presentada na Comisión 4ª Educación e Cultura esta sexta feira.
O Mosteiro de Carboeiro, en Silleda (Foto: Alma / Wikipedia).
photo_camera O Mosteiro de Carboeiro, en Silleda (Foto: Alma / Wikipedia).

O Parlamento da Galiza demandou á Xunta que analice o caso da desaparición de dúas esculturas do mosteiro de Carboeiro co obxectivo de restituír estas pezas, que se atopan nun museo público de Barcelona, ao patrimonio cultura de Galicia.

A proposición non de lei foi presentada na Comisión 4ª Educación e Cultura esta sexta feira e foi defendida polo deputado José Luis Ferro (PP), que explicou que unha recente investigación do historiador Francisco Pardo Villar apunta a un posíbel espolio de varias pezas integrantes do ben que actualmente atópanse no Museo Frederic Marès de Barcelona.

Trataríase dun Cristo en Maxestade e dunha talla con símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán.

Así, segundo detallou, a aparición de diversas cartas no Arquivo da Galiza e o Arquivo Xeral da Administración poderían probar a subtracción ilegal destas dúas esculturas da igrexa.

"A partir do coñecemento destas cartas, a Consellaría de Cultura púxose en contacto tanto co Museo Frederic Marès como co Concello de Barcelona para trasladar os feitos e solicitar información sobre como chegaron as pezas ata as instalacións deste centro cultural catalán", explicou.

Apoios

A deputada do BNG Mercedes Queixas, que xa avanzaba no inicio da súa intervención que votarían a favor, agradeceu ao investigador Prado Villar que conseguise "sacar á luz esta documentación" que, celebrou, "por fin proba o que xa se sabía".

Con todo, pediu aos populares que non permitan que a Xunta "deixe caer o expediente BIC para a Casa Cornide". "Agradézolles que se sumen á defensa do patrimonio en xeral", salientou Queixas.

Por parte do PSdeG, a deputada Noa Díaz mostrouse "sorprendida" porque os populares levasen esta proposta "de urxencia" o pasado 18 de xaneiro, cando xa se produciron os contactos entre a Xunta, o museo catalán e o propio Concello de Barcelona, que "xa dixo que a súa política é que calquera peza que se demostre que chegou ao museo de forma irregular devolverase de forma inmediata".

Nesta mesma liña, Díaz pediu aos populares que "non empreguen electoralmente esta iniciativa para presentarse como os grandes salvadores do patrimonio de Carboeiro", entre outras cousas, apuntou, porque non ve "a mesma preocupación nin a mesma celeridade con outros bens froitos do espolio franquista".

Comentarios