A Pobra do Brollón celebra esta fin de semana 'As Cores do Outono'

O festival contará cunha conversa musicada de Fuxan os Ventos.
Mercedes Peón actuará no marco do  festival 'As cores do Outono'. (Foto: Culturactiva)
photo_camera Mercedes Peón actuará no marco do festival 'As cores do Outono'. (Foto: Culturactiva)

O festival de música galega de raíz 'As Cores do Outono' celebra esta fin de semana dez anos de vida. O Concello da Pobra do Brollón (Terra de Lemos) celebra na última semana de setembro este evento, que este ano terá un completo cartel con concertos de Mercedes Peón e Maricarme, unha alborada-vermú e mais obradoiro de baile con Xisco Feijoó, e mesmo unha conversa musicada con Fuxan os Ventos.

O mesmo que o festival fai 10 anos, tamén Fuxan os Ventos está a celebrar os seus 50 anos de vida e van aló 20 anos desde a publicación do primeiro disco de Mercedes Peón a través do seu espectáculo Ingrávida. 'As Cores do Outono' é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.

Homenaxe á música galega

Desde a organización detallan que nesta décima edición se busca homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no postfranquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme. "Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos, cos que tamén deslocalizamos o festival coa actividade en Canedo", explicou o alcalde, Xosé Lois Maceda.

Na parroquia de Canedo, haberá o sábado unha alborada-vermú con Xisco Feijoó, que pola tarde impartirá un obradoiro de baile tradicional, para o que as prazas xa están completas. Estarán tamén na Pobra de Brollón a fin de semana varios integrantes de Fuxan os Ventos e o festival terá achegas musicais da Coral Samugueiros, Suso Corenta, Nuncy Valcárcel, Os Parentes e Xerezade.

Comentarios