Presentan 'Os Andares', seis viaxes sonoras pola comarca dos Ancares

Artistas vencelladas ás artes escénicas, ao audiovisual e á poesía como Iria Azevedo, Marcos PTT, Avelina Pérez, Clara Gayo, José Díaz ou María Lado crean viaxes sonoras  a medio camiño entre a ficción e o documental para visitar enclaves singulares das Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá e Pedrafita.

Marcos PTT, José Díaz, a poeta María Lado, a dramaturga Avelina Pérez, a dramaturga Clara Gayo e actriz Iria Azevedo.
photo_camera Marcos PTT, José Díaz, a poeta María Lado, a dramaturga Avelina Pérez, a dramaturga Clara Gayo e actriz Iria Azevedo.

Os Andares, serie de viaxes sonoras pola serra dos Ancares impulsada por Fósforo Arte & Cultura xunto ao colectivo Galiza Emocional, presentaron esta terza fewira, 18 de xuño, no Centro de Interpretación Terras do Miño, a conclusión deste proxecto que contou coa participación dun grupo de artistas do teatro, o cinema, a poesía e a música. Os Andares inclúe seis capítulos, cada un escrito por unha autora diferente, no que se mesturan documental e ficción coa meta de afondar no coñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Os seis capítulos xa están dispoñíbeis na Rede de forma gratuíta a través da web www.osandares.com, e atópanse en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Os audioitinerarios protagonizarán neste mes de xuño cadansúa sesión de presentación coa veciñanza e participantes.

Os responsables de Fósforo sinalaron que Os Andares é un proxecto de "viaxes sonoras" que "hibrida os xéneros da ficción sonora e das artes escénicas" para brindarlle ao público -veciñanza e visitantes dos Ancares- unha sorte de "periplo auditivo e emocional" para coñecer a historia, o patrimonio, a paisaxe e lugares singulares dos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita, Becerreá e Baralla.

A perspectiva ecolóxica ten unha presenza transversal ao transmitirse reflexións sobre a urxencia da protección da gran biodiversidade do territorio e sobre os efectos irreparábeis do despoboamento na contorna.

Cada unha das pezas, de entre 32 e 47 minutos, ofrece unha perspectiva concreta a través da mirada dunha dramaturga. Así, Iria Azevedo encárgase de tomarlle o pulso á Pobra de Navia (Navia de Suarna), mentres que José Díaz escolle o Castro de Santa María en  Cervantes para a súa creación sonora. Pola súa banda, a poeta María Lado percorre a Lagoa Maior de Pedrafita do Cebreiro e as dramaturgas Avelina Pérez e Clara Gayo recrean os lugares dos Grobos (Becerreá) e Penarrubia (Baralla) respectivamente. Por último, Marcos PTT retrata a localidade de Torés (As Nogais). 

Comentarios