A Asociación de Editores xestionará en solitario a súa proxección exterior

A presenza en feiras internacionais do libro galego enfronta a editoras e Xunta

Propaganda ou xestión profesional: a Asociación Galega de Editores vén de comunicar que asumirá en solitario a participación nas feiras internacionais do libro, polos continuos desacordos coa Xunta en canto ao modelo que debe imporse na proxección exterior da produción editorial da Galiza.
Stand da Asociación Galega de Editores na Feira de Boloña do ano 2018.
photo_camera Stand da Asociación Galega de Editores na Feira de Boloña do ano 2018.

A Asociación Galega de Editores vén de decidir que asumirá a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro, prescindindo da mediación da Xunta de Galiza. A decisión vén precedida de varios anos de desencontros entre AGE e a Secretaría Xeral de Cultura no que se refire ao modelo de promoción do libro galego no exterior. 

En 2018, estas diferenzas chegaron ao seu punto álxido, cando a Xunta renunciou a acudir as feiras de Frankfurt, Boloña, Guadalaxara e Barcelona. A decisión provocou unha vaga de protestas entre o sector e mesmo a presentación no Parlamento Galego de varias iniciativas da deputada do BNG, Olalla Rodil, nas que se pedían explicacións ao Goberno polo que se consideraba un incumprimento da Lei do libro e a lectura, que fixa "a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais".  

Naquela altura, os editores galegos decidiron acudir en solitario ao encontro de Boloña, despois de facer público un comunicado no que se lle solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura que reconsiderase a súa decisión. "A AGE considera que o sector do libro, tal e como se recolle na Lei do Libro aprobada en 2006 por unanimidade, é estratéxico para o país e non se pode renunciar á súa promoción internacional", rezaba o comunicado, "Galiza sería a única comunidade autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo". 

Varios vultos do sector cultural acusaron daquela á Xunta de Galiza de non ter un modelo de política cultural. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) enmarcaba os feitos na "ausencia de estratexia política" do Goberno de Feixoo "en relación á cultura e, en concreto, ao libro", mentres que o daquela director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, apuntaba -nun artigo no que argumentaba sobre a necesidade da creación dunha Oficina do Libro- que a decisión da Consellaría de Cultura "evidencia tanto a ausencia dun modelo estratéxico para a proxección internacional do sector do libro e da edición na Galiza como a incapacidade dos responsábeis do actual goberno para manter abertas canles de diálogo institucional fluído coa asociación de editoras". En marzo daquel ano, a Consellaría de Cultura reconsiderou a súa decisión e, finalmente, aceptou estar presente nas feiras, así como coxestionar coa secretaría técnica das editoras os stands presentes nestes encontros. Porén, semella que os problemas non se resolveron totalmente.

A xestión da presenza internacional 

No comunicado feito público a semana pasada, a AGE afirma que toma a decisión de asumir en solitario a presenza nas feiras internacionais "despois de moitos anos reclamando á Xunta de Galiza un cambio no modelo de xestión na participación por parte do sector editorial galego nas feiras internacionais do libro, e ante a negativa reiterada da Consellería de Cultura, que non permite que sexa a Asociación quen xestione a súa propia presenza". A asociación de editoras asegura que "o caso galego é insólito no sector, pois son os gremios de editores do Estado, e tamén a nivel internacional, quen xestionan os seus stands nestas feiras de marcado carácter profesional". 

Profesionalización 

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores, explica en conversa con Nós Diario, que "as feiras ás que nos estamos referindo son estritamente profesionais, nas que o que se compra e se vende non son libros, senón dereitos internacionais. Existe un erro de concepción na Xunta de Galiza, que acode a estas feiras como se fosen encontros promocionais, e non se trata diso, senón de citas profesionais que deben ser útiles para o sector editorial na Galiza. A industria editorial galega está formada por pequenas e medianas empresas para as que moitas veces resulta complicado dar pasos fóra: concertar entrevistas con outras editoriais, contactar con grandes grupos... E resulta obvio que somos nós os que mellor coñecemos que títulos son susceptíbeis de ser vendidos a outros países ou que criterios de contido debe primar o stand en función das novidades que teñamos en catálogo. Se somos nós os que xestionamos directamente o stand, desenvolveremos dunha maneira máis eficaz as relacións de compra e venda dos dereitos".  

Agora mesmo, son as empresas que montan o stand as que o atenden e, di o presidente da AGE, "malia que moitas delas están formadas por grandes profesionais, non deberiamos obrigalas a realizar un traballo que non lles corresponde e que estaría moito mellor xestionado polo propio gremio dos editores". 

Alvarellos destaca que "o poder creativo da nosa cultura é moi grande e está nunha fase de expansión, como demostran a cantidade de premios que autores e autoras de todos os xéneros están a recibir fóra das nosas fronteiras. Se cadra, o problema é que neste país nunca se deu un paso que sempre consideramos necesario e que nunca deixamos de reivindicar: a creación dun organismo que axude á promoción da cultura e do libro da Galiza, semellante ao Cervantes español ou ao Ramón Lull de Catalunya. Seguimos considerando que a creación deste organismo debería ser unha prioridade en materia de política cultural". 

Unha chamada ao diálogo coa Xunta

Alvarellos considera un absurdo que nas próximas feiras vaia haber dous stands representando o libro galego: un da Xunta e outro da AGE. "En realidade, o que botamos en falta é un diálogo máis fluído coa administración. Nós explicámoslle nunha carta á Dirección Xeral de Cultura cales eran as razóns polas que cremos que é máis útil para o sector o modelo que propoñemos mais, polo de agora, non obtivemos resposta e vémonos obrigados a dar este paso para defender os intereses dos nosos asociados". 

O cambio de modelo en favor dunha maior profesionalización, considera o presidente da AGE, debería estar respaldado polo goberno galego, como obriga a Lei do libro, e por iso non perde a esperanza en que se retome o contacto. "Permanecemos abertos ao diálogo", resume.

Comentarios