"Carvalho é perenne, non caduca, e coas actuais circunstancias merece a permanencia continua e o título de mestre". Así o comentou o experto Francisco Rodríguez Sánchez nun coloquio decorrido onte no museo das Peregrinacións de Compostela. A actividade, "Ricardo Carvalho Calero. Tempo de esperanza" -organizada pola Asociación Cultural O Galo coa colaboración do Concello de Compostela e o apoio da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG)- tamén contou cunha proxección na que o estudoso trasladaba o seu pensamento.
Coa proximidade das Letras Galegas na honra da autora Xela Arias, non son poucas as institucións que continúan a render homenaxe tamén ao ferrolán, pois gran parte do asociacionismo cultural de base reclamou, sen éxito, á RAG a prolongación do Ano Carvalho Calero a 2021. O intelectual segue presente na mente de moitos estudosos, como é o caso de Francisco Rodríguez, que destacou a supervivencia do seu discurso en cuestións como a lingua.
"Carvalho tiña unha obsesión científica, intelectual e tamén emocional e humana pola sorte do galego", subliñou, deixando claro en declaracións a Nós Diario que o profesor e escritor pretendía que a lingua tivese "dereitos propios" e que era preciso restaurar os seus usos sociais.
Rodríguez destacou que o ferrolán era "favorábel á unidade do galego e o portugués porque son basicamente o mesmo", pero estaba máis preocupado por esa recuperación do idioma en todos os ámbitos posíbeis.
Así, aludiu á actualidade da defensa que facía pola "restauración" do idioma nun momento no que "o galego pode quedar reducido a un grupo endogámico de profesionais e a un uso puntual pero non colectivo".
Na súa intervención, Rodríguez destacou outras dúas características fundamentais de Carvalho: "Era un autodeterminista no sentido de que Galiza tiña que definir ela por si propia os seus destinos, o que debía ser, como... Sen tutelas nin subordinación a ninguén", aclarou. Igualmente fixouse no estudo "da evolución literaria" do país sendo "pioneiro o adaíl da sociolingüística". Con esta entrega "á causa da liberdade" acabou padecendo a "represión".
Segundo Rodríguez hai algo básico que explica a súa actitude: "O pobo galego existe, merece atención das galegas e galegos e tamén quería facer da Galiza un 'pobo normal' que se identificase coa súa propia lingua e que fose consciente de que tiña unha cultura específica que pagaba a pena seguir desenvolvendo".