Contracultura

Rosa Moledo: "Nunha interpretación son fundamentais as palabras, mais a maneira de dicilas tamén"

Rosa Moledo (Gosolfre, Mazaricos, 1969) leva máis de 30 anos dedicándose á tradución e ao asesoramento lingüístico en producións audiovisuais e teatrais. Este ano recibe o Premio de Honra Dolores Ben, outorgado pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a persoas e institucións.
rosa moledo
photo_camera Rosa Moledo, tradutora e asesora lingüística. (Foto: Nós Diario)

—Como recibe este premio de honra?
Foi unha auténtica sorpresa. Síntome moi afortunada e agradecida. É moi bonito que recoñezan o teu desempeño, porque ao final traballadoras e traballadores hai moitos, así como persoas que merezan este premio. Unha das cousas máis bonitas deste premio é que dá visibilidade á xente que traballa coma min, na parte que non se ve. Por iso tamén é unha sorpresa cando te chaman para un premio así, porque normalmente os levan as caras visíbeis.

—Despois de tanto tempo dedicándose a este traballo, que é o que máis valora hoxe en día?
Na tradución, que me cheguen bos produtos. Permíteme levar os traballos a outros lugares a través da riqueza lingüística. Cando un produto non chega así, podo facelo eu claro, mais non é o meu labor. Teño que intentar cinguirme ao guión que hai. É moi satisfactorio cando te atopas con algo bo porque, aínda que non o ves como espectadora, tamén desfrutas da película ou da serie coa que traballas.

No que respecta ao asesoramento lingüístico diría que as persoas. Aquí tamén teño que dicir que son moi afortunada. Tocoume sempre traballar con persoas con moi boa actitude, con ganas de aprender e agradecidas. Houbo algunha excepción claro, coma en todas partes, mais polo xeral sempre me atopei con persoas que aceptan as súas carencias e queren traballar sobre elas de moi bo grao. Así é moi doado porque me permite transmitirlles amor, orgullo e respecto pola lingua. Xa me ten pasado en varias ocasións que, unha vez que remata o proxecto, as persoas coas que traballei me chaman para que as axude nun novo traballo ou a preparar unha proba. Para min iso é unha satisfacción moi grande.

—Unha parte importante do seu traballo é a que realiza en colaboración co Centro Dramático Galego.
É un traballo moi bonito e de feito moitas compañías coas que traballei coñecéronme aí. Nunha interpretación, as palabras son fundamentais, mais a maneira de dicilas e a intención que hai detrás delas tamén, porque son as que marcan se vas para un lado ou para o outro. Cando non tes un gran dominio sobre a lingua pode saírche moi ben a frase dicíndoa de maneira pausada, mais non cando estás berrando ou chorando. O que intento sempre é seguir a liña que marca a dirección, porque tamén son moitos anos escoitando e vendo como se traballa. É algo que me gusta moito.

De feito, no teatro é común que a liña non estea ben definida desde o comezo porque é a marxe coa que traballa a dirección. Neses casos, eu comezo facendo un traballo de texto inicial plano, que permite ás persoas ter unha base. Despois, cando xa se define esa liña, matizamos para que as actrices e actores sexan quen de manter a maneira de falar coa intención que se lles está marcando. É cuestión de saber xogar para que non quede frío nin artificial.

—Cales son as principais dificultades que atopa?
A falta de competencia lingüística nalgúns casos, ben porque non é a lingua materna da xente ou ben porque non é a que utilizan habitualmente. Isto provoca que poidamos xogar moito menos porque hai unha serie de carencias que impiden que tanto eu como a persoa que ten que interpretar poidamos desenvolvernos con soltura. É un problema engadido e dá menos marxe para manobrar.

Comentarios