Santiago súmase ás reinvidicacións a prol da lingua galega con motivo do 17 de maio

A rexedora, Goretti Sanmartín, quixo subliñar o seu apoio ao chamamento da plataforma Queremos Galego para acadar "un consenso arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de hai 20 anos, que prevía unha serie de medidas que aínda hoxe non se fixeron realidade".
Os participantes no encontro desta terza feira, 7 de maio.
photo_camera Os participantes no encontro desta terza feira, 7 de maio.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo esta terza feira, 7 de maio, un encontro co voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, á que tamén asistiron representantes da CIG, da Asociación Cultural O Galo e do resto das entidades que conforman a plataforma.

Tras o encontro a alcaldesa expresou a adhesión do Concello de Santiago ás reivindicacións para a manifestación do vindeiro 17 de maio, xa que "sabemos que a lingua galega ten moitas fortalezas, pero tamén moitas debilidades e aínda hai moito que percorrer nos dereitos lingüísticos da maioría da poboación".

Goretti Sanmartín recordou o compromiso municipal coa lingua a través de iniciativas como o programa Apego "para conseguir que haxa crianzas galego-falantes" ou de aprendizaxe lingüístico como o Programa Elos engánchate co galego. Tamén mencionou a Declaración Institucional apoiada por todos os grupos municipais para reivindicar e impulsar o uso do galego a nivel interno e nun chamamento á cidadanía de Compostela "que se fará pública nun acto que terá lugar o vindeiro día 16 de maio no propio Concello de Santiago". 

Un Plan de Normalización consensuado

A rexedora tamén quixo subliñar o seu apoio ao chamamento da plataforma Queremos Galego para acadar "un consenso arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega c de hai 20 anos, que prevía unha serie de medidas que aínda hoxe non se fixeron realidade".

"O Concello estará sempre á beira das persoas defensoras da lingua, a carón do fomento da diversidade lingüística e da garantía dos dereitos lingüísticos das persoas galego falantes no interese por promocionar a pervivencia do galego a través da transmisión interexeracional", concluíu Sanmartín.

Comentarios