Entrevista

Soledad Agra, deputada: "Reivindicar Villalta e traballar na educación é fundamental"

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, fai parte da “máis que merecida” homenaxe que Luísa Villalta recibe este ano con motivo do Día das Letras Galegas. “Era unha muller que reivindicou sempre moito, unha muller moi especial”, di Agra sobre Villalta.
A deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra (Foto: Arxina).
photo_camera A deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra. (Foto: Arxina).

—A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña vén de presentar a programación de actividades que honran Luísa Villalta neste mes e alén de maio. Que supón Villalta?
Era unha muller que se reivindicou sempre moito, moi especial. A súa morte foi tan repentina que mesmo o día que morreu tiña un montón de cousas en marcha: estaba para editar o libro do Papagaio, preparando as actividades do 8 de Marzo en Santiago, traballando en actividades co alumnado no instituto... Era unha muller moi implicada social e culturalmente. Á xente que non a coñecemos de perto sorpréndenos todo o que representa, a súa parte política, social, de mestra, música, escritora... Na escrita, ademais de poesía, fixo teatro, ensaio e novela. Era unha muller moi completa.

—Merecida homenaxe nas Letras Galegas 2024. Como a reivindicará a Deputación?
Empezamos os actos cun roteiro o sábado pasado guiado polo barrio do Papagaio, na Coruña, baseado no libro de Luísa, e a seguir representouse a obra de teatro O Papagaio na Casa Carares Quiroga. A ruta estivo guiada pola profesora universitaria Mavi Lezcano, tiña moita documentación ao respecto de como foi a convivencia entre as prostitutas e os comerciantes das tendas que levan alí desde os anos 50. Tamén mercamos 360 exemplares sobre a biografía de Villalta de Polo Correo do Vento e outros 300 da reedición de As chaves do tempo para distribuílos en bibliotecas e centros de lectura. Hai ademais 17 contadas infantís para a rapazada explicándolle a biografía de Luísa Villalta en diferentes localidades.

—É importante levar a cultura a todos os concellos...
Hai que levar actividades aos concellos pequenos, é o obxectivo básico da Deputación, levar cultura e todas as actividades das áreas a concellos pequenos.

—Que destacaría da programación sobre Villalta?
Imos facer unha peza audiovisual sobre a vida e obra de Villalta con entrevistas a persoas que a coñeceron ben. Temos a sorte de que Luísa foi unha muller moi activa en distintos eidos da cultura e aínda hai moita xente que a coñeceu. As letras e a música galegas perdemos unha persoa que ía enriquecer moito a nosa cultura.

A xente que a coñeceu e que compartiu con ela eses espazos de activismo, de literatura e de música van intervir nesa peza audiovisual. Falarán da vida e do activa que era, nas letras, na música, na participación social en asociacións, de feito Luísa é moi homenaxeada porque os institutos nos que foi mestra deixou  gran pegada, tamén nas asociacións das que formou parte, e na Mesa pola Normalización Lingüística.

—Luisa é a muller número 6 dos 61 homenaxes polo 17 de Maio.
Efectivamente, a muller número 6. Iso non é nada, é incríbel no tempo que estamos, porque hai moitísimas mulleres escritoras. Temos agora un gran momento para as letras, pero houbo moito máis do que se está homenaxeando e reivindicando. Luísa tamén foi moi pioneira no tema da igualdade, a súa literatura e poesía incide moito niso, mesmo no tema do Papagaio cando fala das prostitutas. A prostitución segue existindo e segue a ser a maior maneira de violencia contra as mulleres. Reivindicar mulleres como Luisa e traballar na educación é fundamental.

—É complicada tamén a igualdade no eido da cultura?
Seguro que se facemos unha estatística de escritoras e escritores en galego habería máis mulleres escribindo e con éxito en vendas que escritores. Moitos din que non existe o problema de desigualdade, que é ideolóxico, pero os datos non menten.

Os prexuízos da lingua

Soledad Agra é a responsábel de Lingua na Deputación da Coruña. Asegura que “sería ben ter a capacidade de lexislar para cambiar cousas”. No seu departamento traballan nunha campaña agora arredor dos prexuízos da lingua, “vemos que moita xente nova que empezou falando galego cambia na adolescencia, porque seguen existindo os mesmos prexuízos lingüísticos do tempo nos nosos bisavós, que se é da aldea, que se así non vas a chegar a nada...”.

Agra aposta por “unha campaña en positivo para que a xente nova entenda que falar galego é algo que nos une como pobo, e que se perdemos a lingua perdemos todo”. Exemplo diso é Luísa Villalta. Agra intervirá na gala de homenaxe a Villalta que decorrerá o 15 de maio no Teatro Colón da Coruña. Como diría Luisa: “unha experiencia musical que busca o lume da palabra para entender a sombra do seu propio corpo”.

Comentarios