Contracultura

Sús e Mel: "No concerto quero crear lazos e proporcionar unha especie de viaxe entre o público"

Susana Nunes (Esposende, Portugal, 1992), coñecida como Sús, e Lucas de Centi (Manzaneda, 1992), integrante de Mel, tocan hoxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela no marco de O que non se escribe, unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro.
Sús e Mel
photo_camera Lucas de Centi e Susana Nunes, 'Sús'. (Foto: Nós Diario)

—Fan parte de Néboa, mais neste caso presentan os seus outros proxectos. Cales son as sensacións?
Lucas de Centi
: Para min é toda unha alegría poder participar en O que non se escribe. Xa fun espectador do ciclo e grazas a iso descubrín artistas, como Anna Ferrer, e puiden ver en directo por primeira vez outras que xa coñecía, como Cocanha. Agora, poder formar parte disto é unha gran sorte.

Susana Nunes: Dáme moita felicidade presentar o disco en Santiago. É un sitio que para min é moi familiar, sumado a poder compartir o escenario coa xente de Mel. Este é un ciclo que fai un traballo moi importante, que abrangue a tradición oral e outro tipo de proxectos que para min son fundamentais.

L.C.: Xa dixemos que temos que aproveitar para facer unha cea de Néboa porque imos tocar tres persoas e as outras dúas sabemos que estarán entre o público. Tamén queremos aproveitar para ensaiar, agora que Susana está na Galiza, e de feito ambos estamos traballando, con moita calma, nun novo proxecto para o grupo. Para min, poder estar facendo case que de escudeiro de Susana no día da estrea do seu disco na Galiza é alucinante. 

S.N.: Néboa é a miña familia galega, é unha sorte poder estar tan ben acompañada nun día así.  

—Como Sús está presentando Entre, o seu debut en solitario. Que pode esperar o público?
S.N.
: O disco é un pouco intenso, con moitos ambientes diferentes que se van percorrendo nunha especie de viaxe. Creo que ten un carácter profundo, como ligado a unha forza gravitacional. Non como algo pesado, senón máis ben como algo que te enraíza. É a miña procura de enraizarme en cousas diferentes; un encontro coa tradición portuguesa, mais tamén recollendo outras influencias. No que respecta ao concerto quixen transmitir a mesma idea: crear lazos e puntos de conexión, proporcionar unha sorte de viaxe entre as persoas que vaian escoitarme. Ao final hai unha relación moi próxima entre a tradición portuguesa e a relación galega e eu, como miñota, sinto que a proximidade é aínda máis grande.

—No caso de Mel, integrado por Sandra Pérez, Miguel Arribas e Lucas de Centi, tamén hai un paso adiante, non si?
L.C.
: Nunca tocaramos por encargo, este ano é a primeira vez que o facemos. É un proxecto co que non intentamos ter, como artistas, ningún tipo de expectativa. Por sorte, cada vez que damos un paso atopamos xente que está interesada en escoitarnos e en chamarnos. Esta noite, o que van escoitar vai ser moi diferente ao que puideron escoitar no noso disco, A caixa e a chave. Son as mesmas cancións, mais tratadas dunha maneira totalmente diferente. 

Intentamos que Antía Muíño, quen puxo voz a dous dos temas, teña o seu espazo, así como o temos Sandra, Miguel e eu. A filosofía é deixarnos enriquecer por cada unha das personalidades diferentes que imos estar enriba do escenario. Como digo, é un proxecto no que non temos demasiadas pretensións, porque xa temos moitos proxectos abertos. Era unha forma de aprender máis, por iso tamén quixemos que o proxecto funcionase fóra dos ritmos que marca a industria, tanto fóra como dentro da Galiza. Agora contamos con artistas que están comezando e que xa sofren a ansiedade de ter que estar case cada mes publicando música nova, que en parte enténdoo. 

Comentarios