Máis

É tempo de Feira Franca en Pontevedra

A zona monumental de Pontevedra é o escenario da Feira Franca. Durante esta cita, que se celebra todos os anos na primeira fin de semana de setembro, a cidade viaxa no tempo ao Medievo para revivir os torneos entre cabaleiros, escoitar as cantigas de xograres e mercar pezas de artesanía. Terá lugar esta sexta feira 1 de setembro e o sábado día 2.
Dupla Feira Franca
photo_camera Entre as actividades da Feira Franca figuran un torneo medieval e múltiples ruadas. / Concello de Pontevedra

Pontevedra é desde hai séculos un dos puntos de intercambio comercial e artesanal máis importantes da Galiza. Ao longo da historia, a Boa Vila recibiu visitantes de lugares remotos que importaron todo tipo de mercadorías.

En 1467, o rei Henrique IV de Castela outorgoulle á cidade do Lérez, daquela a principal vila da Galiza, unha concesión para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración.

A Feira Franca de Pontevedra responde á tradición comercial que existe desde a fundación da cidade. De feito, en 1169 a vila recibiu do rei galego Fernando II e da raíña Urraca o seu Foro no período de máximo esplendor medieval en que a Galiza tiña un importante protagonismo económico non só a nivel peninsular, senón tamén a nivel europeo.

No ano 2000 o Concello de Pontevedra decidiu renderlle homenaxe á historia da cidade impulsando a celebración da Feira Franca. Para a primeira edición recreouse un mercado medieval na praza da Ferraría.

A iniciativa tivo boa acollida entre a poboación. O éxito da cita requiriu que se ampliase o recinto feiral cada vez máis até abranguer a totalidade da zona monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes.

A ampliación do espazo non restou protagonismo á praza da Ferraría, lugar onde se situaba orixinalmente o mercado. Os postos de materias primas e produtos artesanais sitúanse na praza de Santa María e a zona de alimentación na alameda e na praza de Curros Enríquez.

Desde o seu comezo todos os sectores económicos da cidade ven na Feira Franca unha oportunidade importante

O número de participantes que solicitan pór un posto nalgunha das seccións do evento medrou co paso dos anos até chegar ás máis de 500 peticións que se realizaron nas últimas edicións da Feira Franca.

As expectativas que existen arredor da nova edición son moi positivas. En declaracións a Nós Diario, o concelleiro de Cultura e Festas, Demetrio Gómez, explica que a celebración da Feira Franca é, desde hai anos, un revulsivo económico para a cidade. "Desde o seu comezo todos os sectores económicos da cidade ven na Feira Franca unha oportunidade importante". 

Así mesmo, Gómez sostén que o evento é unha das citas "máis rendíbeis" do ciclo económico anual da cidade. Móstrase optimista a respecto das previsións coas que traballa o Concello en base ás solicitudes de postos de artesanía e xantar, "non temos dúbida de que será unha Feira Franca espectacular e cunha Pontevedra que botará por fóra" afirma o responsábel de Festas.

O estabelecemento das novas normas permitiu incrementar o control sobre o patrimonio e velar pola seguridade das máis de 100.000 persoas visitantes que se achegaron nas últimas edicións á Feira Franca.

Os preparativos dun evento destas dimensións implica un esforzo importante por parte da Administración e das empresas locais que colaboran no evento. "Unha cita destas características é complexa", recoñece o concelleiro Demetrio Gómez.

Un dos aspectos que suscitan maior interese entre o público é coñecer a temática que elixe o Concello para cada unha das edicións. Ano tras ano escóllese un tema diferente.

Algúns dos temas que centraron as edicións anteriores foron a revolta Irmandiña, o mar, a agricultura, as cantigas de amor, escarnio e maldicir; os inventos medievais, a astronomía, a alquimia, a narración de lendas ou a indumentaria.

Este ano é a quenda dos números e a súa representación gráfica ao longo do tempo. O Museo de Pontevedra é o encargado de organizar un obradoiro no que as crianzas  se achegan á época medieval. E coa temática deste ano, as nenas e os nenos participantes poderán coñecer a popularidade que tiveron os xogos de mesa na Idade Media.

No obradoiro 'os números da fortuna' os participantes terán a oportunidade de crear o seu propio taboleiro para xogar á casa da fortuna (Glückhaus), un xogo de azar alemán moi popular na Baixa Idade Media.

XXII Feira Franca

O programa deste ano inclúe unha ampla variedade de actividades que se desenvolverán ao longo de toda a xornada. A cita comeza esta sexta feira co percorrido pola zona monumental dos pregoeiros a cabalo e o espectáculo da compañía Pablo Méndez Performance na praza da Ferraría.

O sábado as actividades comezan ás 11.30 horas, coa apertura do mercado medieval (avenida de Santa María) e da mostra de oficios (prazas da Ferraría, da Pedreira e do Peirao). Ao longo da mañá poderase desfrutar de música medieval a cargo das bandas Trobasóns e Pola Vila; obradoiros de tiro con arco; demostracións de esgrima e un espectáculo de cetraría que fechará a mañá.

Resulta incríbel ver a implicación da cidade nesta cita

Pola tarde volverán a esgrima e o tiro con arco acompañados do gran torneo medieval. Esta competición, que enfronta os guerreiros máis destros no combate, é un dos principais atractivos da feira.

Durante a xornada vespertina o programa tamén contempla un espectáculo de bufóns, que animarán o evento coas súas acrobacias. A música virá da man da Asociación de Coros e Danzas Dúos Pontes.

A Feira Franca rematará con dúas ruadas que percorrerán a vila a partir das 21.45 horas.

Proxección da Feira

A importancia desta feira está acreditada. Declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta da Galiza en 2013, é un dos eventos máis multitudinarios do verán. Para Demetrio Gómez, a Feira Franca ten dúas lecturas inseparábeis. Por unha parte, Gómez considera que é a "recreación do pasado máis glorioso de Pontevedra e da Galiza e unha pedra de toque de canto podemos conseguir cando nos tratamos a nós mesmas con orgullo".

Por outra parte, Gómez incide na importancia que ten o papel da veciñanza na celebración da Feira Franca. "Resulta incríbel ver a implicación da cidade nesta cita" explica. 

Desde que se celebrou a festa por vez primeira no ano 2000, a veciñanza traballou arreo na organización. Toda a cidadanía pontevedresa contribúe na feira. Para Gómez é un "orgullo" poder comprobar a implicación de toda Pontevedra á hora de xerar un evento único.

O carácter familiar da Feira é outro factor que converte esta cita nunha das celebracións máis multitudinarias de todo o ano. As persoas adultas e as menores comparten durante dous días xogos e aprendizaxe.

Comentarios