O VII concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal xa ten gañadoras

Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño
Gañadoras das categorías infantil e xuvenil do Concurso de Microrrelatos
photo_camera Gañadoras das categorías infantil e xuvenil do Concurso de Microrrelatos

A morte, a violencia de xénero, a tenrura, a autopercepción ou a guerra de Gaza son algúns dos temas abordados nos relatos gañadores e finalistas na categoría xuvenil e infantil do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e Puntogal. Jacobo Pérez Criado (2007), alumno do Colexio Internacional Eirís da Coruña, mereceu o primeiro premio na modalidade de 12 a 17 anos; Mencía Ferreira García (2007), estudante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, acadou o segundo; e a valenciana Carla Coucheiro Rodríguez (2009), do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, fíxose co terceiro.

Na categoría infantil Martina Boo Álvarez (2012), do CEIP Gonzalo Torrente Ballester de Cambre, foi distinguida co primeiro premio; Mariña Abollo Aneiros (2012), do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, co segundo; e Xoel Villar Castro (2014), de CEIP Castrelo de Miño, co terceiro. 

Mariña Abollo Aneiros resultou ademais ser a autora dun dos relatos infantís finalistas canda o presentado por Pedro Novais Méndez (2012), estudante do CPR Vilas Alborada de Santiago de Compostela. Na modalidade xuvenil, o xurado elixiu como finalistas unha achega de Paula García Villar (2008), veciña de Lestedo e alumna do CPI de Vedra; e outra de Brais González Vázquez (2007), residente en Tomiño e estudante do IES Auga da Laxe de Gondomar.

Os case 500 textos presentados foron avaliados polo xurado composto polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.

Os membros do xurado subliñaron a alta calidade das narracións que concorreron este ano en ambas as categorías e agradeceron o labor dos profesores e profesoras, que son na maioría dos casos quen animan os rapaces e rapazas a participaren en iniciativas deste tipo. 

A RAG e PuntoGal anunciarán nos vindeiros días cales son as tres historias gañadoras na modalidade de persoas adultas e publicarán nunha edición dixital todas as premiadas. Os contos galardoados poderán lerse ademais na revista Luzes, colaboradora nesta iniciativa, canda os finalistas. A entrega dos premios celebrarase este verán na cidade da Coruña nun acto aberto a todo o público.

Comentarios