Vinte anos de presenza continua de Manuel María: A Coruña celebra Lúas de Outono

A edición de 2024 de Lúas de Outono coincide no tempo co vinte aniversario do falecemento de Manuel María. Dúas décadas que, contra o que sucede con moitas outras personaxes importantes da cultura, veñen sendo de constante difusión da súa obra. Os Carunchos e Eva Veiga protagonizaron desta volta a xornada poético-musical.
A poeta Eva Veiga xunto aos compoñentes dos Carunchos e Alberte Ansede (á dereita), presidente da Fundación Manuel María. (Foto: Casa-Museo Manuel María)
photo_camera A poeta Eva Veiga xunto aos compoñentes dos Carunchos e Alberte Ansede (á dereita), presidente da Fundación Manuel María. (Foto: Casa-Museo Manuel María)

A homenaxe anual que recibe Manuel María cada ano no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, acadou este 2024  a súa décimo quinta edición, coa presenza do tándem formado pola poeta Eva Veiga e a música d’Os Carunchos, que centraron nos poemas do chairego a súa última entrega bibliodiscográfica "Unha gorxa chea de paxaros". O acto tivo lugar onte e confirma o éxito dunha iniciativa de lembranza que se mantén ininterrompidamente desde 2009, organizada pola Casa Museo Manuel María en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña.

En quince anos a variedade das propostas da xornada Lúas de Outono, sempre relacionada coa obra de Manuel María, é constante. Algunha presenza habitual como a da cantante Uxía, que participou na sesión inaugural de 2011 e noutras convocatorias, é boa marca dos programadores, pero a nómina é extensa: Os Diplomáticos de Monte Alto, a Orquestra de Cámara de Santiago, Quico Cadaval, María Barcala,  Pepe Vaamonde Grupo, Paraíso Canto, Miro Casabella ou o Mago Antón, representacións de teatro e unha chea de escritoras e escritoras amigas que recitan os seus poemas, sempre a teatro cheo, son proba da fidelidade e o cariño que deixou sempre o poeta no incesante andar a terra coa súa obra e a súa voz.

O home que non negaba nunca a presenza onde era reclamado, tamén moi en particular nos centros educativos, recoñecía o valor desas experiencias nunha entrevista do ano 1995, "eu andei por case todas as escolas de Galiza e resulta, como se di agora, moi gratificante. Teño experiencias moi boas de diálogos moi agudos, máis incluso que con universitarios, e téñome atopado con traballos impresionantes, como nun colexio de Zas ou noutro xa na fronteira que me quixeron poñer unha coroa de loureiro na cabeza, o que é excesivo, porque así coroaban os emperadores romanos e ademais o loureiro é unha árbore sagrada".

E en 2002 insistía, "foi unha satisfacción, gustoume moito andar por Galiza e gustaríame seguir pero os anos teñen a súa lei. Dixen que non as menos veces posíbeis e recibín a cambio o trato da xente que é o máis importante". Esa semente que Manuel botou, continuada durante estas dúas décadas xa sen a súa presenza física, agroma en cada encontro das Lúas de Outono e non é o habitual esa continuidade e seguimento que non esmoreceu, nin sequera despois da celebración en 2016 do Día das Letras Galegas, en ocasións punto e aparte das persoas homenaxeadas.

Vinte anos sen Manuel

A madrugada do 8 de setembro de 2004 apagábase na Coruña a luz viva de Manuel María. Contemplados estes vinte anos sucedidos, só se pode celebrar que a memoria do escritor continúe tan presente. Boa parte da súa vida pasáraa en Monforte, onde naceron moitos libros e emprendementos como a editorial Xistral, sempre comprometido co país como lembraba na entrevista antes citada que lle fixo o xornalista Manuel Veiga en A Nosa Terra, ás portas da grande homenaxe que recibiu o 15 de setembro de 1995 tamén no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Alí falaba do seu compromiso, "sentín desde rapaciño a conciencia de pertencer a unha comunidade e, por outra banda, dinme conta de que esa comunidade non estaba normalizada. Pareceume o máis natural denunciar esta situación precaria e dicirlle á xente que nos xogamos mesmo a nosa sobrevivencia. Dentro desa loita que falabamos antes contra a morte, os individuos tamén se salvan non só como individuos, tamén colectivamente. Se o teu pobo é algo na historia érelo ti tamén. Ora, estar de parte dos que padecen a historia sempre trae un conflito e estar do lado dos que a fan pode traer prebendas. Hoxe o escribir en galego pode dar diñeiro en canto os teus libros vaian ao ensino, iso pode criar uns intereses e a decisión de non tocar nada que moleste o máis mínimo a un poder que, en definitiva, é alleo a nós".

Gustaríalle ao poeta que a súa idea de transcender a súa poesía no tempo se celebre todos os anos, e siga a ser tamén unha das máis inspiradoras para a composición musical, como amosaron Os Carunchos onte ou lembraba Roxelio Groba nas páxinas do Sermos Galiza recentemente. Dicía Manuel María, "a miña escrita naceu por un afán de comunicación. No fondo o que hai é unha loita contra a morte. Calquera ser humano que se pon diante dun papel, aínda que non pense publicar nada, está loitando contra a morte. Unha palabra dila e nun momento vaise. Cando a escrebes estáslle a dar máis vida, rescátaslle un espazo da morte que ten a palabra falada. Por iso toda obra que deixa o ser humano, aínda que non o formule racionalmente cun sentido de permanencia, é unha loita inconsciente contra a morte. Eu creo que son tamén bastante franciscano e entendo que a natureza pode ser un receptor adecuado. É o sentirse metido no mundo que te circunda. Cando escoito o murmurio do regato do Cepelo sempre penso que me quere dicir algo". Unha idea que repetía á fala coa xornalista Carme Vidal, "Goethe dicía que a poesía tiña que ser verdade, procuro que o que plasmo e compre rescatar da morte sexa auténtico que significa ante todo ser sincero. A poesía pode ser real aínda que non sexa realizábel".

"Os clásicos non pasan de moda"

Nunha entrevista en Sermos Galiza de hai xusto un ano, o presidente do Padroado da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, referíase á vixencia da obra de Manuel e á necesidade de non levantar o pé do acelerador, "en termos relativos, a difusión  da obra de Manuel María coido que é bastante importante. Mais só en termos relativos porque a súa obra, igual que a doutras  figuras da literatura galega, teñen grandísimos problemas. O primeiro ten que ver co noso sistema educativo, no que a literatura galega é absolutamente marxinal. Incluído dentro da materia de Lingua galega. Por outra parte, quizais ultimamente non se contemple a presenza no ensino, como se debera, dos clásicos da literatura. Acentuouse moito máis a presenza, quizais, de literatura máis de carácter xornalístico no sentido de caducidade desa obra. Isto non é caprichoso. Débese a que as novas xeracións están tendo dificultades reais para ter un vocabulario e un léxico en galego suficientemente diverso e propio. De maneira que, para ler os clásicos atopan as súas dificultades. Quen marca as lecturas nas aulas acode a textos máis 'fáciles' pero, ao mesmo tempo, menos profundos. Con iso non favorecemos o afianzamento dun sistema literario propio que é ao que contribúen de maneira fundamental as autoras e os autores clásicos. Shakespeare nunca pasou de moda e os nosos clásicos non deben pasar de moda nunca".

Comentarios