A 12ª Marcha Unificada chega a cinco localidades galegas

Special Olympics Galicia organiza o evento, que o 4 de outubro percorrerá as rúas de Compostela.
Antonio Leira, Pilar Lueiro e Carmen Taboada, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antonio Leira, Pilar Lueiro e Carmen Taboada, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A concelleira de Deportes de Compostela, Pilar Lueiro, presentou esta terza feira a 12ª Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galiza. A proba desenvolverase en catro etapas, os días 3, 4, 5 e 6 de outubro, en diferentes puntos do país. A etapa da capital galega terá lugar na sexta feira da vindeira semana, o 4 de outubro, cun percorrido polas rúas da cidade que concluirá na praza do Obradoiro ao fío das 14 horas.

A Marcha Ciclista Unificada chegará a localidades de toda Galiza, comezando o 3 de outubro coa primeira etapa polas localidades de Burela e San Cibrao (Cervo), na Mariña, cun total de 20,4 quilómetros. Continuará ao día seguinte en Compostela — 18,1 quilómetros—, o día 5 percorrerá o concello do Carballiño — 14,4 quilómetros— e rematará 6 en Vilagarcía de Arousa —13,1 quilómetros—.

Pilar Lueiro puxo en valor "a importancia do deporte como vehículo para favorecer a autoestima, a capacidade de superación, a igualdade social e a inclusión", e destacou que esta proba, que conta coa colaboración do Concello, permite "visibilizar o colectivo e axudar a quen o forma a potenciar as súas habilidades de socialización, ademais de ser unha xornada de convivencia nesta Compostela diversa, acolledora e boa de vivir". Acompañárona na rolda de prensa Carmen Taboada, vogal de Special Olympics Galicia e tesoureira da asociación ASPAS, e Antonio Leira Piñeiro, deputado provincial de Deportes.

A etapa de Compostela, con saída e chegada na praza do Obradoiro, arrancará ás 11.30 horas da seguinte sexta feira e contará coa participación de 48 ciclistas que percorrerán diferentes rúas da capital. Oito entidades vinculadas ao eido da discapacidade intelectual colaborarán nas diferentes etapas: o Club Xiabre (Vilagarcía), o Club Ciclista de Monforte (Monforte de Lemos), As Burgas (Ourense), Aspas (Compostela), Prodeme (Monforte), Fundación Eu Son (Burela), San Francisco (Vigo) e Con Eles (Vilagarcía).

Special Olympics

Special Olympics Galicia é a asociación de pais e nais, profesionais e amizades de persoas con discapacidade intelectual sen ánimo de lucro que traballa pola promoción e a inclusión social deste colectivo e mais das súas familias, a través do lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

Comentarios