Ana Peleteiro vese como "favorita" ao ouro en París

"Supón unha presión engadida", confesou.
Ana Peleteiro, celebrando o triunfo no Europeo ante as cámaras. (Foto: Teledeporte)
photo_camera Ana Peleteiro, celebrando o triunfo no Europeo ante as cámaras. (Foto: Teledeporte)

A atleta galega Ana Peleteiro é consciente de que chega aos Xogos Olímpicos de París 2024 "como clara favorita" pola ausencia por lesión da actual campioa de triplo salto, a venezolana Yulimar Rojas, e que iso supón "unha presión engadida" que lle "beneficia" e que lle dá "máis motivación e máis ganas".

"Eu a Toquio non chegaba, nin moito menos, sendo das favoritas, e agora creo que chego como gran candidata, e iso, queiras ou non, é unha presión engadida, pero a miña forma de ver e entender o deporte benefíciame", sinalou durante a presentación do documental Detrás da medalla, protagonizado por Sara Andrés, Hugo González, Joel Prata e ela mesma.

Neste sentido, recoñeceu que ser a rival a bater xéralle "máis motivación e máis ganas". "É como unha mestura de todo un pouco, un batido de mil emocións, pero moi rico e marabilloso que penso que moi poucas persoas teñen a sorte de poder vivir. Síntome unha afortunada de poder estar inmersa neste proceso por segunda vez", manifestou.

Ademais, a de Ribeira explicou que está "co foco posto na cita olímpica" e "tentando descansar o máximo posíbel". "Vou coa idea de deixalo todo, de dar o mellor de min e de saltar máis de 15 metros. O bonito do deporte é que non só dependes de ti, senón do que fagan tamén outras persoas, e teño claro que non vou deixar nada na pista, sairei de aí coa gasolina a menos 20", afirmou.

Con todo, non cre que a ausencia da venezolana Yulimar Rojas vaia facilitarlle o seu concurso na capital francesa. "O bo do deporte é que nunca nada está garantido para ninguén, unha vez estamos alí todas temos que loitar polo mesmo. Hoxe non está, pero haberá outras moitas que van estar dando guerra, así que non podemos relaxarnos en ningún momento", subliñou.

Ademais, Ana Peleteiro é consciente de que podería ter que superar o seu salto no recente Europeo ao aire libre [14,85  metros, o segundo mellor da súa traxectoria deportiva, só por detrás dos 14,87  até os que voou en Toquio 2021] para loitar polas medallas. "Téñoo presente. Ao longo da historia, case sempre as medallas nos Xogos Olímpicos están entre os 14.90 e os 15 metros e pico, aínda que nos últimos estaba Yulimar, que rompeu co esquema histórico do que era unha final", apostilou.

Comentarios