Primeira RFEF

Asunción de fútbol da man de Deportivo, Lugo e Celta B

Os equipos galegos da Primeira Federación continúan preparándose para a nova tempada.
Disputa de balón no partido que xogaron en Riazor o Deportivo e o Celta B (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Disputa de balón no partido que xogaron en Riazor o Deportivo e o Celta B o pasado curso. (Foto: RC Deportivo)

Club Deportivo Lugo e Real Club Celta de Vigo B -agora tamén coñecido como Celta Fortuna- disputan hoxe ás 19 horas da tarde un amigábel no campo de Cantarrana co gallo do Trofeo Cidade de Viveiro.

Esta será o terceiro encontro que dispute a escuadra lucense na comarca da Mariña desde que comezara a pretempada, pois antes xa participaran no Memorial Antonio Tarrío (Viveiro) contra o filial do Real Madrid e o Trofeo Vila de Foz ante o Compostela.

A menos de dúas semanas para o comezo da competición no Grupo '1' da Primeira Federación, no que están encadrados tanto albivermellos como celestes, este choque servirá aos técnicos Pedro Munitis e Claudi Giráldez para continuar coa posta a puntos duns bloques que teñen o mesmo obxectivo: ascender á Segunda División.

Outro dos grandes atractivos do Cidade de Viveiro será ver se ten os seus primeiros minutos como xogador do Club Deportivo Lugo Víctor Narro, confirmado onte como última incorporación do conxunto da cidade da Muralla.

Este estremo balear asinou apenas dous días despois de rescindir "de mutuo acordo" o contrato que o vinculaba co Real Club Deportivo da Coruña, co que disputou 14 partidos, todos na primeira volta da pasada liga, antes de saír en calidade de cedido ao Atlético Baleares.

Os seus ex compañeiros do Dépor, precisamente, tamén entrarán en acción no día de hoxe, xa que colisionarán nun amibábel coa Sociedade Deportiva Ponferradina. A entidade do Bierzo vén de perder a categoría e será outro dos grandes 'cocos' a ter en conta no Grupo '1' da Primeira Federación, polo que o adestrador branquiazul, Imanol Idiákez -que perde por unha lesión no adutor o recentemente renovado Yeremai-, terá a oportunidade de pór a proba o seu nivel ante un rival directo.

Comentarios