O Baxi Ferrol quere pór o traxe de mataxigantes no 'play-off' polo título

A única representante galega colide co gran favorito
O público da Malata será vital. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera O público da Malata será vital. (Foto: Baxi Ferrol).

Hai pouco máis dun ano, a comezos de abril de 2023, Ferrol enteiro celebraba o ascenso do Baxi á máxima categoría do baloncesto feminino estatal sen saber que por estas datas estarían, nin máis nin menos, que pelexando polo título ligueiro.

Porque a escuadra universitaria é a única representante da Galiza nuns play-off polo campionato que comezan tan cedo como esta quinta feira, concretamente ás 20.15 horas no Pavillón da Malata.

Conducidas polo apoio da súa afección, as pupilas de Lino López aspiran a lograr un triunfo que lles permita afrontar cunha mínima esperanza o partido de volta, programado o 28 de abril ás 18 horas no Pavillón de Würzburg da localidade castelá de Salamanca.

Alí o seu rival non será outro que Perfumerías Avenida, campión de seis das últimas 10 edicións da competición e máximo favorito a levantar o título xunto co Valencia Básquet de Paula Xinzo e Raquel Carrera.

Segundo datos facilitados polo club, preto de 800 seareiros e seareiras xa adquiriran o seu boleto anticipadamente, e agardan, como sinalou a base Angela Mataix, "gozar do premio que supón disputar uns play-off polos que non se agardaba a comezos da tempada".  

Torneo internacional no Pavillón das Travesas

A cidade olívica volverá tornar na capital internacional do baloncesto feminino este verán, pois o Torneo Cidade de Vigo reunirá no Pavillón das Travesas tres seleccións de primeirísimo nivel para ser parte dun triangular entre os días 21 e 23 de xuño.

Deste modo, o 21 de xuño España medirá forzas contra Turquía. Ao día seguinte, o 22, o combinado otomano colidirá co da China, mentres que o conxunto do Estado español baixará o pano fronte a escuadra chinesa xa o 23 de xuño.

Comentarios