Blanca Millán asina por un Baxi Ferrol que xogará a Eurocup Women

O club logrou financiar a aventura continental.
Blanca Millán e Santi Rey. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera Blanca Millán e Santi Rey. (Foto: Baxi Ferrol).

A fichaxe polo Baxi Ferrol de Blanca Millán, unha das mellores xogadoras galegas dos últimos anos, era un segredo a voces no mundiño, apostilando a azueira que a súa chegada desde o Durán Maquinaria Ensino dependía de que o seu novo equipo lograse o financiamento para participar na próxima edición da Eurocup Women.

Pois ben, esta cuarta feira oficializaronse ambas as cousas, polo cal o Baxi estará na competición continental liderada pola ala pivote de 26 anos natural de Santiago de Compostela.

Así o confirmou o presidente da escuadra ferrolá, Santi Rey, quen indicou nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola propia Blanca Millán e polo que será o seu adestrador, Lino López, que xa ten "por escrito" o compromiso de financiamento dos 120.000 euros que, estima, resultarán imprenscindíbeis para formar parte da Eurocup Women 2024/25, na que coñecerá os seus rivais o 18 de xullo.

"O Concello de Ferrol asumirá 50% desa cantidade, ficando o resto da partida a cargo de responsábeis que preferiron manterse no anonimato", salientou.

Pola súa parte, a ex xogadora de Ensino ou Spar Gran Canaria non puido ocultar a súa "ilusión" por formar parte dunha tempada "histórica" na que, prometeu, ela e as súas compañeiras traballarán para "loitar por todo". "Gústame moito como xoga o equipo, ten grupos moi bos como xogadoras e como persoas, e iso é algo que valoro cada vez máis. Para o que sexa, rebote, puntos, defensas, estarei dispoñíbel", engadiu.

Nakić renova co Breogán 

Cambiando o baloncesto feminino polo masculino, o ala pivote croata Toni Nakic, unha das pezas chave nos esquemas do seu compatriota, Veljko Mršić, seguirá no Leite Río Breogán de Lugo durante un ano máis.

Comentarios