O Celta gaña en Balaídos e deixa o descenso oito puntos atrás

O Vilarreal non foi quen de levar puntos do feudo celeste. Aspas, Larsen e Douvikas marcaron e facilitaron a vitoria galega por 3-2.

Iago Aspas celebra o gol en Balaídos baixo a choiva (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas celebra o gol en Balaídos baixo a choiva (Foto: RC Celta).

O Celta non desperdiciou a oportunidade de afastarse este domingo case de maneira definitiva dos postos de descenso. No pasado queda a derrota en Araba e tocaba aproveitar a derrota do Cádiz no Bernabéu para deixar tranquila á afección.

O encontro comezou cunha unha primeira oportunidade de marcar por parte de Aspas no minuto 4, mais foi o Vilarreal, a través de Alberto Moreno, quen no minuto 13 se adiantou no marcador. Cinco minutos despois viría a xogada que marcaría gran parte do encontro. Fou unha entrada sobre Williot Swedberg por parte do xogador amarelo Santiago Comesaña que lle valeu o cartón vermello e a expulsión.

Pouco despois viría o empate celeste como consecuencia dun penalti que transformou Aspas de maneira exemplar. O Vilarreal cargábase de cartóns cando, cinco minutos antes do descanso, chegaba outro gol do Celta, desta vez a cargo de Larsen.

Na segunda parte, os celestes combinan e xogan ben. Os dous corpos técnicos deciden realizar cambios e marchan Damián e Starfelt e entran Ristic e Luca de la Torre no Celta mentres que no Vilarreal entra Cuenca por Mosquera.

Sempre os últimos minutos

Cando mellor estaba a xogar o Celta, con oportunidades como a que tivo Larsen, chega o empate do Vilarreal no minuto 65 a través de Guedes despois dunha xogada polémica na que os xogadores celestes reclamaban unha falta.  

Momento de incerteza e nervios en Balaídos ante unha situación que se repetiu durante toda a tempada na que o bo xogo non se reflectiu nos marcadores finais.

Novas oportunidades celestes nas botas de Larsen primeiro e Mingueza despois deron paso a novos cambios nos que Giráldez aproveitou para introducir a Douvikas e Carles Pérez. Foi este primeiro o que, no minuto 85, sentenciaba o partido tras un gran pase de Iago Aspas para tranquilidade de todo Balaídos.

Con esta vitoria, o Celta consegue sumar tres puntos vitais á clasificación e pon a salvación moito máis perto, con oito puntos lonxe dos postos de descenso e con doce que se disputarán nas vindeiras xornadas.

Comentarios