Mundial de Fútbol Gaélico

CRÓNICA | Segundo día, o día da Matria

Crónica desde Irlanda de Millán Brea, integrante da selección galega
A feminina sénior venceu Quebec e a masculina a Arxentina (Foto: M. Brea).
photo_camera A feminina sénior venceu Quebec e a masculina a Arxentina. (Foto: M. Brea)

Segundo día, o día da Matria!

En terras irlandesas, a Irmandiña festexa o seu día sen parar de xogar. Desta vez, partidos duros contra Francia, Australia, Quebec, Arxentina e as amig@s de Iberia, que contan con xogadores e xogadoras do Turonia (Gondomar), Fillas de Breogán (A Coruña), do Independente (Vigo) e Lume de Beltane (Poio). Ao final, no campo queremos gañar, pero o Gaélico danos compañeiras coas que é un pracer "baternos" e competir. 

Buf! E xa comezan a doer as pernas. En Galiza, os partidos xogámolos en herba artificial. En Owenbeg, temos unhas instalacións espectaculares da GAA de sete campos, todos de herba natural que, sumado á chuvia, fai que correr pese o dobre. E cantidade de público! Tanto o hurling coma o fútbol gaélico son deportes de referencia. Aquí veñen familias a ver os encontros e pasar a xornada vendo partidos, da igual a Selección...unha auténtica "relixión"!

Pola tarde, rematados os encontros (o último ás 17 horas), tivemos unha xornada de 'irmanamento' con Magherafelt, Moneymore e Kilrea. Viaxe de unha hora para ver un partido da categoría femenina e unha barbacoa de convivio. A hospitalidade das xogadoras e dos club é marabillosa.

Adiante Irmandiña!

Comentarios