O Dépor enfróntase ás pantasmas do seu pasado na procura de tres puntos vitais

Idiakez confía na vitoria ante o Albacete e pide máis paciencia
Adestramento do Dépor previo ao partido contra o Albacete. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Adestramento do Dépor previo ao partido contra o Albacete. (Foto: RC Deportivo)

A última visita do Albacete a Riazor quedou por sempre marcada nas retinas dos seareiros e seareiras deportivistas. Foi o 11 de xuño de 2022 e estaba en xogo o regreso ao fútbol profesional. O Dépor anotou primeiro da man de Mario Soriano, mais un gol de Alberto Jiménez no minuto 82 abocaba o encontro a unha prórroga na que Jordi Sánchez asestaría o golpe definitivo. Un 'Riazorazo' máis difícil aínda de dixerir, se callar, tendo en conta que o ex branquiazul Rubén de la Barrera estaba aos mandos daquel Albacete.

Hoxe (20.30 horas), dous anos despois, manchegos e galegos enfróntanse de novo, desta volta no estadio Carlos Belmonte e  con ambos os equipos na categoría de prata mais con sensacións moi distintas neste treito inicial da competición. O Albacete é noveno con nove puntos, a metade dos que estiveron en xogo até o momento, con tres vitorias, outras tantas derrotas e ningún empate, así como oito goles a favor e sete en contra. O Dépor, pola contra, permanece décimo noveno, aínda en postos de descenso, e até o momento só sumou catro puntos —un triunfo e un empate—.

A fraqueza no balón parado defensivo e as dificultades para marcar —apenas tres tantos en seis partidos— son as principais eivas do conxunto herculino, cuxo adestrador, Imanol Idiakez, admitía onte en rolda de prensa que non están saíndo as cousas como deberían, mais si se mostraba satisfeito co xogo de toque: "Nas áreas non estamos a ser todo o eficaces que nos gustaría. De área a área si, estamos sendo dos mellores da categoría", dixo, ao tempo que destacou o salto de nivel que supón pasar de Primeira RFEF a Segunda, onde os erros "penalizan máis".

Con todo, segue confiando nos seus xogadores e nel mesmo, e onte cargou contra os clubs de 'gatillo' fácil logo de que o Cartaxena destituíse Abelardo Fernández: "Quen despide un adestrador tan cedo debería pensar para que o fichou. Botar un adestrador na xornada cinco tamén fala de ti".

Preguntado por unha das fichaxes estrela deste mercado estival, Charlie Patiño, quen aínda non tivo a oportunidade de demostrar a súa valía, afirmou que está xa "bastante adaptado" e traballando "fenomenal". "Verémolo cedo no campo", sentenciou, evitando aclarar se hoxe poderá debutar no Carlos Belmonte.

"O camiño claro é o de ir semana a semana. Foi o da tempada pasada e será o desta. Mañá  [por hoxe] hai unha oportunidade boísima para conseguir unha vitoria", concluíu Idiakez.

Comentarios