A Policía española detivo na tarde da segunda feira un mozo como presunto autor da agresión a Gonzalo Cuéllar, o futbolista de 18 anos do equipo Xuvenil División de Honra do Club Deportivo Lugo, que continúa ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Segundo informa a Comisaría Provincial, a detención produciuse na última hora da segunda feira após uns feitos que ocorreron na madrugada do sábado ao domingo, nunha zona de lecer nocturno na rúa Clérigos.
O futbolista, irmán do xogador do CD Lugo Jaume Cuéllar, recibiu unha puñada tras unha discusión e tivo que ser trasladado en ambulancia até o HULA, onde ingresou na UCI pero con evolución favorábel. Ao longo da segunda feira foi derivado a planta.
Denuncia
Os axentes, e despois de que a familia presentase denuncia o domingo, iniciaron unha investigación na que tomaron declaracións a todos as posíbeis testemuñas. Así, tras estas dilixencias, lograron determinar a presunta autoría das lesións.
Desta maneira, a última hora da segunda a Policía española detivo o home que supostamente propinou a puñada ao mozo.
O presunto agresor permanece ingresado en calabozos en dependencias policiais após tomarlle declaración. A previsión é que pase a disposición xudicial na mañá desta terza feira.
Apoio do club
Tras este suceso, o Club Deportivo Lugo emitiu o domingo un comunicado para enviar todo o seu "apoio e forza" á vítima e á familia: "O club atópase xunto a eles e en contacto constante".
"A familia 'albivermella' únese para arroupar a Gonzalo, a Jaume e á súa familia neste complicado momento e condena enerxicamente, como non podía ser doutra maneira, este desprezábel suceso", conclúe o conxunto.