Fútbol

Os 'deberes' para un Celta desequilibrado e moi errático en defensa

Dépor e Racing seguen sen atinar esta tempada.
Iago Aspas, o pasado domingo, en San Mamés. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Iago Aspas, o pasado domingo, en San Mamés. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

O Celta, para ben e para mal, fixo pleno como local e visitante no que vai de tempada: tres vitorias en Balaídos, tres derrotas fóra da casa. Os de Claudio Giráldez marchan sextos na táboa con nove puntos que os manteñen inmersos na loita polas prazas que dan acceso a competición europea e cun balance de goles que reflicte á perfección as fortalezas e debilidades dos celtiñas: 14 a favor —o segundo equipo que máis anota despois do Barça—... e 13 en contra —o máis goleado canda Valladolid e Vilarreal—.

Este domingo en San Mamés o Celta volveu expor as súas eivas en defensa, mais non terminou de atinar no ataque malia dominar a bóla en boa parte do primeiro tempo —a pesar do tanto inicial de Gorka Guruzeta—. "Os partidos gáñanse e pérdense nas áreas, e de momento aí estamos lonxe do nivel do Athletic. Fóra das áreas dominamos, pero nas áreas fomos netamente inferiores a eles", admitiu Giráldez.

Óscar Mingueza, un dos baluartes celestes neste comezo de curso, tivo que abandonar o partido poucos segundos despois do asubío inicial por unhas molestias no adutor esquerdo cuxo alcance está aínda por determinar, pero que podería deixalo fóra do choque desta quinta feira (21 horas) ante o Atlético de Madrid en Balaídos. Un partido no que o Celta intentará mostrar de novo o potencial que segue sen ser capaz de trasladar a domicilio e no que o adestrador porriñés, que non repetiu unha soa aliñación desde que subiu ao primeiro equipo, voltará previsibelmente a mover o banco de suplentes.

O Dépor non carbura

Un peor arranque tivo até o de agora o Real Club Deportivo, que nas seis primeiras xornadas só foi quen de lograr un empate, un triunfo —ante o Racing de Ferrol— e catro derrotas, facendo un total de tres goles a favor —os coruñeses, xunto aos ferroláns, son os que menos acerto teñen na área rival de toda a liga— e oito en contra. Os dous últimos, os que anotou o Burgos este sábado en Riazor, nun partido no que os de Imanol Idiakez empezaron mareando a pelota sen pór en apuros o meta rival, Ander Cantero, na primeira parte, e no que na segunda si sacaron a relucir a súa superioridade, pero sen éxito e perdendo os tres puntos nos minutos finais por unha sucesión de erros froito do nerviosismo que parece palparse no vestiario.

"Os detalles marcan a diferenza na categoría. Non estamos sendo precisos nas dúas áreas. Dominamos con boas sensacións pero temos que aprender cando antes, porque a competición non espera por ninguén. Chegamos, combinamos... pero falta facer goles", advertiu Idiakez en rolda de prensa. O técnico ten moito traballo por diante e debe engraxar pezas chave no once como un Lucas Pérez practicamente desaparecido ou un Mario Soriano que non termina de atopar acomodo.

Sen vitorias en Ferrol

Con tres puntos —tres empates— marcha tamén en postos de descenso, mais como penúltimo, un Rácing de Ferrol que aínda non sabe o que é gañar este curso. Leva os mesmos goles —a favor e en contra— que o Dépor e a dura derrota do sábado (1-4) ante o Albacete demostra que Cristóbal Parralo ten moitas cousas que cambiar sobre o terreo de xogo.

O adestrador mostrouse "decepcionado, porque esperaba máis", pero matizou que "non hai tempo para lamber as feridas e urxiu unha reacción. Ás dificultades que tiña o Rácing para marcar súmase agora a debilidade defensiva mostrada na Malata.

Comentarios