Éxito deportivo e de convivencia nos Campionatos Universitarios

A Universidade de Santiago (USC) quedou en primeiro lugar na clasificación xeral seguida da Universidade de Vigo (UVigo) e da Universidade da Coruña (UDC).
Autoridades académicas e políticas, con participantes nos XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos (Foto: USC).
photo_camera Autoridades académicas e políticas, con participantes nos XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos (Foto: USC).

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos remataron onte en Lugo cun balance “exitoso” a nivel deportivo “e de convivencia”, segundo salientou o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, na sesión de entrega de trofeos realizada na Facultade de Veterinaria no campus lucense. 

A universidade anfitrioa quedou en primeiro lugar na clasificación xeral seguida da Universidade de Vigo (UVigo) e da Universidade da Coruña (UDC).

De feito, os equipos de baloncesto, tanto na modalidade masculina como feminina, proclamáronse xa na primeira xornada campións galegos e conseguiron así a súa clasificación para o campionato estatal, unha cita que se desenvolverá en Segovia do 23 ao 26 de abril. 

O equipo feminino de voleibol da USC, unha formación con fondo arraigo entre a comunidade universitaria de Lugo e no que militan algunhas xogadoras do Emevé, equipo que participa na Superliga feminina, tamén se proclamou campión universitario galego e representará Galiza na cita estatal, que decorrerá do 24 ao 27 de abril en Valladolid. 

Os éxitos deportivos da USC continuaron na xornada de clausura deste campionato, na que os equipos de rugby e balonmán feminino venceron nas súas respectivas competicións, da mesma maneira que o fixo o equipo masculino de fútbol sala.

UVigo e UDC

Nas universidades galegas que exerceron de visitantes nesta edición dos campionatos en Lugo, a UVigo venceu en deportes como  o fútbol feminino e masculino, o balonmán masculino e o rugby masculino.

En último lugar quedou a UDC malia lograr nesta edición o primeiro posto na clasificación de voleibol masculino e no de fútbol sala feminino.

Comentarios