Obituario

Falece José María Caneda, histórico presidente do Compostela

Aos 77 anos de idade e tras unha dura batalla contra o cancro.
CANEDA
photo_camera José María Caneda (Foto: EP)

Pesar polo falecemento de José María Caneda aos 77 anos de idade na madrugada desta segunda feira e após unha longa batalla contra o cancro. Caneda (Amio, Compostela, 1 de febreiro de 1947) foi o presidente da SD Compostela cando o rquipo da capital galega logrou o ascenso a Primeira división.

 Na tempada 93/94 e con xogadores como Ohen, Abadía, Bellido, Lucas ou Tocornal, o Compostela logra ascender a Primeira División, despois de superar na Promoción de Ascenso ao Rayo Vallecano. Este fito histórico coincide coa estrea en 1993 do Multiusos de San Lázaro.

Foi, naqueles anos, un dos rostros máis mediáticos do fútbol no Estado español, no ronsel dos presidentes de clubes que tiñan máis protagonismo que os propios xogadores. A SD Compostela xogou na elite de 1994 a 1998.

Caneda foi un presidente doutra época, como ficou recollido na serie documental A Liga dos homes extraordinarios, estreada en 2022. 

En 2023, nunha entrevista no diario Sport, Caneda afirmaba, a respecto do cancro de estómago e esófago que padecía, que a loita contra esa enfermidade era “o partido máis importante da miña vida e polo menos téñoo que empatar". Recoñecía que "estiven 10 meses sen poder comer e baixei 30 e pico quilos, pero hai que levalo con bo humor e estar tranquilo".

Persoa de forte carácter, deixou momentos e frases que pasarán á historia do fútbol español. Nunca calaba a súa opinión e non deixaba a ninguén indiferente. 

Comentarios