A falla de San Xoán anonimiza as futbolistas do Deportivo

Os varóns da peza si que representan xogadores reais
As anónimas deportivistas, xunto con Lucas, Yeremay e Mella. (Foto: El Ideal Gallego).
photo_camera As anónimas deportivistas, xunto con Lucas, Yeremay e Mella. (Foto: El Ideal Gallego).

Galiza enteira, pero especialmente A Coruña, onde sempre se vive con especial intensidade, até o punto de ser declarada Festa de Interese Turístico Internacional, xa quenta motores para a chegada da 'noite meiga' de San Xoán.

Como é tradición, cando se alcancen as 0.00 horas do 23 de xuño arderá a falla, que adoita representar escenas da actualidade e que en 2024 terá o deporte como un dos seus leitmotivs. 

Deste modo, a celebración do 15 aniversario da declaración por parte da Unesco da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade e a desaparecida escritora Luisa Villata -homenaxeada na última edición do Día das Letras Galegas- comparten protagonismo cunha laranxa antropomórfica anotando unha canastra -que fai referencia ao ascenso do Básquet A Coruña á Liga ACB-, unha piña -símbolo sobre o que se articulou o espírito de comuñón entre club e afección arredor do Deportivo- e cinco xogadores e xogadoras portando a elástica branquiazul.

Non obstante, se ben os tres futbolistas do masculino do Dépor son perfectamente recoñecíbeis (Yeremay, Mella e Lucas Pérez) non acontece o mesmo coas súas compañeiras, que sobre o céspede veñen de certificar o seu ascenso á máxima categoría estatal.

Así, os rostros das dúas deportivistas da falla -encargada polo Concello herculino ao estudo Romero Arte- non corresponden aos de ningunha integrante do primeiro equipo, senón que se trata de caras anónimas vestindo a camiseta do Deportivo, como se de afeccionadas, e non de profesionais, se tratase.  

Primeiros compromisos de pretempada do Dépor

Logo da confirmación de que será a rival do Ourense Club de Fútbol no I Memorial Miguel Ángel o próximo 23 de xullo na  Cidade das Burgas, a sección masculina da entidade branca e azul oficializou tres novos compromisos no marco dunha pretempada que botará a andar o próximo 10 de xullo.

Así, o primeiro deses duelos será o 30 de xullo, terza feira, ás 20.30 horas no Municipal Vila Nova ante o Famalicão luso. Sen apenas tempo de repouso, exactamente 24 horas despois colidirá con outro conxunto da elite portuguesa, o Gil Vicente; e, finalmente, o 3 de agosto, ás 20 horas, visitará o campo do recentemente descendido Chaves.

Comentarios