Fútbol | 1ª RFEF

Ian Mackay despídese do Dépor: "Desde Castellón, por desgraza, todo cambiou"

"Gustaríame despedirme no campo, pero esta é a forma na que se deron as cousas", lamenta o porteiro branquiazul.
Ian Mackay, nun partido en Riazor. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Ian Mackay, nun partido en Riazor. (Foto: RC Deportivo)

Ian Mackay xa é historia do Deportivo. O veterano porteiro de 37 anos puxo punto e final na tarde desta cuarta feira á súa etapa de dous anos e medio no Deportivo da Coruña cunha breve comparecencia pública na que non aceptou preguntas.

O meta, que perdeu a titularidade e tornou nunha figura polarizante entre a afección logo da súa actuación no partido do play-off de ascenso da pasada tempada contra o Castellón, no que dous graves erros e unha incomprensíbel expulsión nun xogador da súa experiencia custáronlle ao equipo o partido e a promoción, apareceu cun rostro moi serio na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo, onde non ocultou a súa "tristeza" por dicir adeus ao equipo da súa vida.

Comezou falando do "día 'D', Castellón", recoñecendo que "desde ese día, por desgraza, todo cambiou". Ademais, ofreceu "desculpas" polos seus erros "a todas as persoas que se sentiron fodidas por eles", engadindo que se por el fose "teríao feito antes", mais "por circunstancias non se puido".

"Hoxe [por esta cuarta feira] cúrtase ese soño que estaba vivindo, e lamentabelmente non poderei seguir axudando desde dentro a que se cumpra. Gustaríame despedirme no campo, pero esta é a forma na que se deron as cousas. De agora en diante son un afeccionado máis e os meus compañeiros saben que me teñen aquí para o que sexa", concluíu Mackay.

Comentarios